A Xunta creará unha 'Sogama da auga' para "mellorar a súa xestión e abaratar custos"

A conselleira apunta que o presidente da Fegamp e o presidente da Deputación de Ourense ven con bos ollos o proxecto e agarda a "implicación total" do resto de deputacións e dos concellos. Compostela Aberta pide reactivar a comisión para o estudo da xestión do ciclo integral da auga da cidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/10/2019 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

Hai que rematar coa situación de "descontrol" que hai en moitos concellos co abastecemento da auga. Este foi un dos argumentos apuntados polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para anunciar a posta en marcha dunha lei pola que se creará unha sociedade pública en Galicia para a xestión "profesionalizada" do ciclo completo da auga. O seu obxectivo: "axudar aos municipios en abastecemento e saneamento e abaratar os custos".

Depuradora de augas residuais en Guillarei, Tui
Depuradora de augas residuais en Guillarei, Tui

De feito, Feijóo comparou esta nova sociedade pública co que supuxo Sogama no seu día para a xestión dos residuos e lembrou que, tras as dificultades iniciais, hoxe son moitos os concellos que apostan polo "modelo Sogama". Por iso, insistiu na necesidade dun novo órgano que coordine a concellos e deputacións baixo a batuta da Xunta.

De feito, esta nova sociedade, tal e como a concibe a Xunta, será unha empresa 100% pública e integrada por concellos, deputacións e a propia Xunta, que terá o 51% do seu capital e, polo tanto, o seu control. As obras que se realicen por este organismo serán pagadas a partes iguais polo concello implicado, a deputación provincial e o Goberno galego e as tarifas serán "igualitarias" para, segundo a concelleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, "evitar discriminacións cos municipios do rural". 

Precisamente, foi Ethel Vázquez, a encargada, tras a reunión semanal do Executivo autonómico, de dar os detalles desta empresa pública, cuxa adhesión será voluntaria para os concellos nos servizos que soliciten. "A Xunta non quere escurrir o vulto neste tema", dixo Feijóo que insistiu en que esta é a ferramenta que a Xunta pon sobre a mesa para axudar aos municipios, con dificultades para xestionar o abastecemento e saneamento desde unha perspectiva económica e técnica.

APOIO DE CONCELLOS E DEPUTACIÓNS

Por iso, tanto Feijóo como a conselleira insistiron na necesidade de que concellos e deputacións se integren neste novo órgano, aínda que, polo momento, os únicos en manifestar a súa opinión favorable, segundo Ethel Vázquez, foi o presidente da Fegamp, Alfredo García e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar. "Esperamos a implicación total das deputacións nisto", dixo, "porque é impensable que non o fagan". 

Vázquez insistiu na súa apelación á "implicación" das deputacións, que "teñen a obrigación desde 2013 de auxiliar" nesta materia aos concellos máis pequenos. O obxectivo é que a empresa pública estea en marcha "canto antes". "Agora iniciamos a tramitación, pero se pode estar a finais de 2020, moitísimos mellor", resolveu a conselleira.

Tanto ela coma o presidente galego incidiron en que, por exemplo no ámbito de depuración, de nada serve construír infraestruturas se despois non se manteñen. Por iso, insistiron en que esta empresa facilitará, como Sogama nos residuos, a xestión "completa" e "profesionalizada" do ciclo completo da auga.

COMPOSTELA ABERTA

Por outra banda, o grupo municipal de Compostela Aberta levará ao próximo pleno da corporación unha iniciativa para que se retomen os traballos da comisión encargada durante o mandato de Martiño Noriega para determinar o modelo de xestión máis eficiente para o servizo de abastecemento de auga, saneamento e depuración de residuais.

Así o trasladou en rolda de prensa o propio Noriega, na que reivindicou a auga como recurso "natural" e "un dereito fundamental" que debería ser xestionado da maneira "máis transparente posible". Por iso, defendeu o "debate da municipalización" como un punto a analizar, sobre todo tras máis de 30 anos de experiencia cunha concesión que "non foi positiva" para o concello.

O líder de Compostela Aberta criticou que, a día de hoxe, 90 núcleos das zonas rurais contan con "ningún tipo de servizo" de auga, un "déficit" dunha infraestrutura "básica" e que mostra o servizo "deficitario" que foi achegado pola concesionaria da cidade.

Noriega citou casos de experiencias que demostran os beneficios da xestión pública deste recurso, como Valladolid (gobernada polo PSOE), onde a municipalización da auga deixou máis de 13 millóns de euros de beneficios para o consistorio local.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xesús Ateo Recalcitrante

Xa non lle quedan chiringuitos nos que colocar aos amigos que vai facer un novo?