Cae parte do arco da escultura de Teucro que coroa o edificio de Afundación en Pontevedra

Non se produciron feridos. A escultura de Teucro, situada na terraza do edificio, é unha figura de bronce de seis metros de alto e 2.000 quilos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/10/2019 | Actualizada ás 13:13

Comparte esta noticia

O desprendemento de parte do arco da escultura de Teucro que coroa a fachada da sede de Afundación, no centro de Pontevedra, e que caeu sobre a rúa, mobilizou na mañá deste venres á Policía Local, os Bombeiros e os servizos sanitarios.

O suceso, que non provocou feridos porque nese momento non transitaba ningún viandante no cruce onde se produciu o impacto da caída, nin tampouco danos materiais nos vehículos estacionados, sucedeu ao redor das 11,10 horas.

Durante máis de 20 minutos, e tras despregar a escaleira mecánica para acceder desde o exterior todo o máis alto do inmoble, unha dotación dos Bombeiros de Pontevedra examinou a peza escultórica, tanto na base onde se erixe a figura como no fragmento onde se produciu a rotura, que ocorreu por sorpresa ante os peóns e os clientes das terrazas situadas na concorrida Praza de San José.

Inicialmente, persoal de Abanca balizou a beirarrúa no acceso ao centro sociocultural, na esquina da rúa San José. Posteriormente, axentes da Policía Local cortaron o tráfico rodado e ampliaron a zona acordoada. Mentres, a ambulancia que acudiu ao lugar do contratempo non chegou a prestar asistencia.

A escultura de Teucro, situada na terraza do edificio, é unha figura de bronce de seis metros de alto e 2.000 quilos; representa ao fundador da cidade de Pontevedra e é obra do artista compostelán Cándido Pazos. Foi creada con motivo da remodelación do inmoble --cuxa construción orixinal data de 1944-- dirixida polo arquitecto pontevedrés César Portela, e inaugurouse en xullo de 2006.

Cae parte do arco da escultura de Teucro que coroa o edificio de Afundación en Pontevedra.
Cae parte do arco da escultura de Teucro que coroa o edificio de Afundación en Pontevedra. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta