Adolescentes galegos adictos ao ‘sexting’

O envío de contidos sexuais entre adolescentes galegos a través de móbiles e plataformas en liña é “unha práctica habitual”, segundo un estudo. As mozas sofren comportamentos machistas e son as máis activas nestas prácticas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/10/2019 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

O sexting é a actividade de enviar fotos, vídeos ou mensaxes de contido sexual e erótico persoal a través de dispositivos tecnolóxicos, xa sexa utilizando aplicacións de mensaxería instantánea, redes sociais, correo electrónico ou outra ferramenta de comunicación electrónica. E é “unha práctica habitual” entre os adolescentes galegos, “tamén no marco das relacións de parella”. Así o indica un estudo realizado en Galicia por investigadores da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo.

Sexting
Sexting | Fonte: Pro Juventute en Flickr.

O estudo revela que entre os motivos principais dos mozos galegos para practicar sexting están “lograr unha relación sexual”, mentres que as xustificacións das mozas son “ter ou manter unha relación afectiva de parella”.

A investigación tamén salienta que “as peores consecuencias do sexting son para as mozas”.

Tanto eles coma elas afirman, ademais, “exercer violencia de control en liña sobre as súas parellas afectivas”, aínda que “son as mozas quen máis o manifestan”. De feito, “a desconfianza e os celos cara á parella son os principais motivos para exercer este  cibercontrol”, conclúese no estudo.

Os investigadores fixeron un estudo con estudantes de educación secundaria, cun rango de idade entre os 14 e os 18 anos, pertencentes a cinco institutos de educación públicos e laicos de Galicia, tres centros de zonas urbanas e dous de áreas rurais e semi-rurais.

PRÁCTICA HABITUAL

Os datos revelan que case a totalidade dos adolescentes considera que o sexting é unha práctica habitual entre a xente da súa idade, aludindo que “moita xente” o practica.

Do total de participantes no estudo (222), o 20% (44) expresan abertamente que levan a cabo comportamentos de sexting de enviar e reenviar fotografías, vídeos ou mensaxes de textos de carácter sexual. Así mesmo, a maioría de adolescentes afirman que son as mozas as que máis condutas de sexting realizan.

Respecto ao envío de fotografías, nas de carácter erótico din ensinar algunha parte do seu corpo de maneira suxestiva, como o peito. Con todo, nalgúns casos admiten abertamente o envío de fotografías con contido sexual explícito. Sobre os vídeos sexuais, só dous adolescentes admiten enviar este tipo de contido.

En relación co envío de mensaxes de texto de natureza sexual, son varios os adolescentes que afirman envialos. Aínda que son fundamentalmente os mozos, e especificamente os do ámbito rural ou semi-rural, os que manifestan que a finalidade era para consumar unha relación sexual ou ben por motivos amorosos.

Respecto á recepción deste tipo de fotografías doutras persoas, a gran maioría de adolescentes afirma recibir este tipo de contido de forma habitual, de persoas da súa contorna e fóra dela. En relación co xénero, son os mozos os que refiren recibir máis mensaxes das mozas.

As razóns que argumentan os varóns para practicar sexting é conseguir ter unha relación sexual, chamar a atención para conseguir fama ou mesmo por aburrimento.

No caso das mozas, as súas motivacións son na maioría dos casos conseguir unha relación afectiva de parella ou ben para mantela porque a súa parella llo solicitou, e en menor medida por aburrimento ou chamar a atención para reforzar a súa autoestima.

Neste sentido, son moitas as mozas que xustifican que efectivamente son máis sexters, debido á existencia de “presións” ou coaccións por parte de persoas que lles gustan para ser as súas parellas ou polas súas parellas actuais.

En todos os grupos analizados polos investigadores evidenciáronse casos de sexting de persoas coñecidas que na maioría dos casos terminaron coa exposición involuntaria a través da rede ou coa difusión de fotografías ou vídeos por parte das súas parellas afectivas. E a maioría dos casos teñen mozas como vítimas.

Tamén a maioría dos adolescentes admiten coñecer alguén que sufriu presións para enviar contidos de sexting, sobre todo en relacións de parella. Con todo, son as mozas as que en maior medida o relatan, especialmente as de zona rural ou semi-rural, onde se evidencia unha dinámica de “dominancia” que agochan as presións dos mozos cara ás mozas para realizar sexting no contexto dunha relación afectiva.

MACHISMO

O estudo revela que as peores consecuencias destas prácticas son para as mozas, xa que son tratadas con maior dureza socialmente e son etiquetadas como “putas” ou “porcas”, evidenciándose un machismo.

De feito, os adolescentes afirman que non é o mesmo que practique sexting un mozo que unha moza porque “non é o mesmo unha chave que abre todas as fechaduras, que unha fechadura que se abre con todas as chaves”, din.

Pola súa banda, as mozas teñen claro que os comportamentos sexuais que son aceptables e destacados nos mozos, nelas son criticados.

Entre os adolescentes galegos tamén se dan casos de cibercontrol. En todos os grupos, tanto do medio urbano como do medio semi-rural, detectáronse casos de control sobre os teléfonos e nas redes sociais das súas parellas. Os mozos e mozas que recoñecen exercelo defenden que en realidade “non era control” e que no caso de que o houbese, ese “control non era negativo”.

As mozas son as que máis admiten abertamente controlar a súa parella través das redes sociais e o seu teléfono móbil. En concreto, unha cuarta parte recoñece que, ás agachadas das súas parellas, adoitan revisarlles as chamadas e as mensaxes de texto que fan e que reciben nos seus móbiles. Tamén revisan as redes sociais que utiliza a súa parella, miran a súa última conexión e as mensaxes que marcan como favoritas.

Aínda que en menor medida que as súas compañeiras, os mozos tamén admiten que adoitan controlar ás súas parellas o contido de mensaxes, fotos ou vídeos do seu móbil e das súas redes sociais.

Detectouse que tanto os mozos como as mozas xustifican ese control debido á desconfianza e os celos encubertos.

O estudo está asinado por Yolanda Rodríguez Castro, María Lameiras Fernández, Patricia Alonso Ruido e José María Faílden Garrido, da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Feminismo salvaxe

As mozas son as que máis admiten abertamente controlar a súa parella...