O alcalde Jácome decide desvincular Ourense do protocolo contra violencia de xénero e deixará sen protección as vítimas

Escúsase en que hai “falta de recursos” para prestar este servizo por parte da Policía Local.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 15/10/2019 | Actualizada ás 20:08

Comparte esta noticia

O Concello de Ourense acordou desvincularse do protocolo 'Viogen' para vixiar ás vítimas de violencia de xénero, que desenvolve de forma conxunta con Policía Autonómica e Policía Nacional, ao alegar “falta de recursos” para prestar este servizo por parte da Policía Local e que se traduce en que deixará de colaborar na protección das vítimas de violencia de xénero da cidade.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, nunha entrevista con Europa Press.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, nunha entrevista con Europa Press.

Así o explicou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, ao termo da reunión extraordinaria da Xunta Local de Seguridade onde se abordaron asuntos de seguridade cidadá e protección das vítimas de violencia de xénero no consistorio ourensán.

Jácome tentou xustificar esta medida porque "o Concello non dispón de suficientes recursos para levar o tema coa dignidade que require” e neste sentido aclarou que "para dar mal un servizo mellor non dalo".

De feito, dixo que outros corpos como Policía Autonómica e Nacional “teñen moitos máis recursos e son os que se encargan” deste tipo de cuestións, abundou.

Con todo, asegurou que o Concello non se vai a desentender das vítimas de violencia de xénero e apuntou que estudarán outras formas de colaboración para atender aqueles casos que sexan urxentes.

Entre estas propostas, o consistorio estuda a posibilidade de “colaborar ou ter protocolo para que as vítimas de violencia de xénero teñan atención inmediata” en casos que sexan “urxentes”, ben a través do seu aloxamento temporal nunha casa de acollida ou un hotel xunto coa manutención.

A decisión, que non ten carácter inmediato, farase efectiva o próximo 22 de marzo de 2020, segundo explicou o rexedor á súa saída da Xunta Local de  Seguridade.

Na actualidade, o sistema 'Viogen' (de seguimento integral nos casos de violencia de xénero, da Secretaría de Estado de Seguridade. conta coa participación dos tres corpos policiais —Local, Autonómica e Nacional—, aínda que Pérez Jácome insistiu en que a Policía Local tan só ten “unha persoa dedicada ao tema da violencia de xénero”.

Esta medida suscitou as críticas de BNG e Ourense Mellor, que cualificaron de "temeridade" esta decisión e que ratifica, segundo din, a falta de compromiso do goberno local cara á violencia de xénero.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Poco Pico

Votad! Votad malditos!