Xubilados e pensionistas demandan ante o Parlamento máis recursos para a atención á dependencia

Denuncian as demoras na concesión das prestacións, xa que unhas 8.000 persoas dependentes xa valorados aínda non as reciben.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2019 | Actualizada ás 17:52

Comparte esta noticia

O colectivo de xubilados e pensionistas da CIG concentrouse este mércores ante o Parlamento de Galicia, coincidindo coa presentación no rexistro da Cámara das firmas recollidas dentro dunha campaña para reclamar máis recursos para a atención á dependencia, que tamén entregaron na Xunta.

A secretaria de Organización da CIG, Susana Méndez, explicou que o colectivo denuncia a escaseza de recursos públicos para a atención á dependencia e os atrasos nas valoracións, xa que "preto de 1.000 persoas que as solicitaron esperan ata ano e medio antes de ser atendidas".

Ao mesmo tempo, denunciou as demoras na concesión das prestacións, xa que unhas 8.000 persoas dependentes xa valorados aínda non as reciben. "Estamos a falar de persoas que no seu maior parte teñen certa idade e que non se poden permitir o luxo de esperar un ano e medio por unha valoración de dependencia", sinalou Susana Méndez.

Para a CIG son tamén "escasos" os recursos para a atención deste colectivo. "Só o 25% das prazas en residencias da terceira idade son públicas e, aínda considerando o total, incluíndo as prazas privadas, estas non chegan a 3 por cada 100 persoas de máis de 65 anos, cando a OMS recomenda un cociente de cinco prazas por cada 100 persoas", destacou o sindicato.

Susana Méndez evidenciou tamén unha "escaseza enorme" nos centros de día, porque "só 86 concellos teñen centros de día públicos, con 3.222 prazas, que son claramente insuficientes". Finalmente, a secretaria de Organización da CIG demandou unhas partidas orzamentarias que "permitan abordar as necesidades do colectivo de persoas dependentes".

Concentración da CIG ante o Parlamento para reclamar máis medios para a dependencia.. CIG
Concentración da CIG ante o Parlamento para reclamar máis medios para a dependencia.. CIG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta