Jácome culpa da retirada do protocolo "Viogen" á xefa de Policía e avanza que se revisará a resolución

"Non se pode ter un servizo que se está facendo mal cando hai outros corpos que o poderían facer mellor", defendeu Jácome ao mesmo tempo que negou que se trate de "unha cuestión de diñeiro".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2019 | Actualizada ás 17:46

Comparte esta noticia

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensá), culpou á xefa da Policía Local da decisión de retirar ao Concello do protocolo 'Viogen', un sistema de protección ás vítimas de violencia de xénero na cidade, e puntualizou que se "revisará" esta resolución.

Así o trasladou o rexedor en rolda de prensa, onde achacou "a decisión tomouse por unha recomendación técnica", pero que non é definitiva. Ata agora, a Policía Local achega "unha persoa" para o sistema 'Viogen', con 31 casos baixo a súa responsabilidade, mentres que a Policía Nacional manexa 111 expedientes.

Por este motivo, engade, a responsable do corpo policial municipal trasladou ao rexedor que sería "moitísimo mellor que o servizo o dean a Nacional e a Autonómica". Así e "nos próximos días" comprobarase a información achegada e "procederase politicamente ou non, porque se cadra a técnica equivocouse".

"Non se pode ter un servizo que se está facendo mal cando hai outros corpos que o poderían facer mellor", defendeu Jácome ao mesmo tempo que negou que se trate de "unha cuestión de diñeiro", senón que "non se pode contratar a máis axentes" a día de hoxe. "Cando fagamos o concurso de prazas para ter 20 policías locais máis, tardaremos ano e medio ou dous anos".

O líder de DO apelou á oposición, "que sempre está a dicir que hai uns excelentes profesionais" e que el os critica, para que reclamen "agora aos técnicos e en concreto á xefa da Policía, porque foi ela quen recomendou" tomar esta determinación, "e non a Alcaldía". "Nós o que fixemos foi fiarnos plenamente da máxima experta", concluíu Jácome, que, de non cambiar de rumbo, fará efectiva o abandono do 'Viogen' o 22 de marzo do 2020.

A OPOSICIÓN SINALA AO GOBERNO LOCAL

O portavoz do PSOE no Consistorio, Rafael Rodríguez Villarino, en declaracións a Europa Press, sinalou a Gonzalo Pérez Jácome como "o máximo responsable das decisións" do Concello de Ourense e, en concreto, "deste erro clamoroso".

"Non pode escudar unha decisión política en ningún tipo de valoración técnica porque el e a concelleira de Seguridade Cidadá, María del Mar Fernández Debuxa, solicitaron unha reunión extraordinaria da Xunta de Seguridade Local" coa finalidade de "expor a retirada do 'Viogen' e eliminar a oficina municipal de denuncias", esgrimiu o tamén secretario xeral do partido na provincia. Por mor desta polémica, os socialistas pedirán un "pleno extraordinario para tratar este asunto" no caso de que o rexedor non rectifique.

Na mesma liña mostrouse José Araújo, voceiro de Ciudadanos, quen afirmou a Europa Press que Jácome, "como sempre", botoulle "a culpa aos funcionarios, cando eles traballan cos medios dos que dispoñen". Apuntou, así, ao rexedor como o responsable de retirar a Ourense do plan para a protección das mulleres vítimas de violencia de xénero precisamente "por non estar a pensar en dotar de medios á Local para que poida facer o seu traballo". Respecto diso, Araújo asegurou que o Goberno dispón de "capacidade para iso, xa que ten maioría suficiente como para facelo", pero que "o único que lle falta é vontade política".

"No canto de estar centrados nos problemas importantes, están a centrarse en anunciar proxectos faraónicos que non sabemos cara a onde van, están permanentemente sorprendéndonos con que van ser máis que outras cidades en luces cando luces se lle ven moi poucas", sentenciou o líder do partido laranxa.

O BNG, pola súa banda, presentou esta mañá unha iniciativa para que o Concello "non saia do protocolo" porque "é unha auténtica barbaridade deixar ás mulleres vítimas de violencia machista absolutamente soas e á deriva", reiterou o seu portavoz, Luís Seara.

"Fronte ao que están a facer a maioría dos concellos do país --Xinzo de Limia, Ingenio (Gran Canaria), Yecla (Murcia) son algúns dos últimos en sumarse á iniciativa-- , que é adherirse ao protocolo, o alcalde e o seu grupo de Goberno, porque é unha decisión do grupo de Goberno, decidiron saírse porque non hai efectivos", subliñou Seara.

Con todo, o portavoz nacionalista cre que Jácome "non vai recuar porque a súa arrogancia probablemente llo impida", a pesar de verlle "as orellas ao lobo" tras unha "reacción social moi intensa". Seara reprobou ademais que o alcalde "lle bote a culpa á xefa da Local" tras seguir a súa recomendación, "esa mesma que hai uns días tachaba de mafia policial", á vez que insistiu que desde o seu partido non teñen "dúbida de que isto obedece a unha forma de entender a política, a unha serie de prioridades" ao amparo das "luces de Nadal e a contratación de persoal eventual".

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta