Temas: CARBALLO TEATRO

Empoderamento feminino, terrorismo e homofobia, temas a tratar nos escenarios do FIOT

Estrea absoluta de "Chicas y chicos" este venres 18, e volta ás táboas da actriz Carmen Maura coa obra "La golondrina", o domingo 20. Esta última é unha das pezas máis agardadas desta edición do FIOT co terrorismo e a homofobia como pano de fondo.

Por X.M. Fernández | Carballo | 18/10/2019 | Actualizada ás 14:02

Comparte esta noticia

O 28º Festival Internacional Outono de Teatro acolle este venres 18 a estrea absoluta de Chicas y chicos, un traballo conmovedor e contundente da compañía madrileña El Sol de York, coa colaboración do FIOT, sobre o empoderamento da muller. A dirección corre a cargo de Lucía Miranda, unha das voces máis destacadas da nova xeración da escena teatral e recentemente gañadora do premio Ojo Crítico de RNE 2019 na disciplina de teatro. Un monólogo, interpretado pola actriz Antonia Paso, leva ao público a percorrer a existencia de Ela, unha muller que podería ser calquera, pero que se enfronta a un revés na súa vida. O texto, ateigado de humor, tenrura, dor e realidade, está asinado por Dennis Kelly e pretende poñer en cuestión a masculinidade, as violencias machistas e as consecuencias destas sobre os menores.

A actriz Carmen Maura. Foto: FIOT
A actriz Carmen Maura. Foto: FIOT

Outro dos atractivos para a fin de semana é a volta ao teatro dunha das figuras máis recoñecidas das artes escénicas do panorama estatal, a actriz Carmen Maura. Estará no Pazo da Cultura de Carballo como protagonista de La golondrina, peza dirixida por Josep María Mestres. A obra, producida pola compañía LaZona, con texto asinado polo xenial dramaturgo Guillem Clua, conta unha conmovedora historia que ten como pano de fondo o terrorismo e a homofobia, e na que o actor Dafnis Balduz dá a replica sobre o escenario a unha Carmen Maura convertida en Amelia, unha profesora de canto coa que reflexionará sobre as identidades, a fraxilidade do amor e as consecuencias do odio. La golondrina, que esgotou as entradas dispoñibles na primeira xornada na que se puxeron á venda, representarase o domingo 20 ás 20.30 horas.

Ao longo do día 19, sucederanse en diferentes espazos de Carballo as funcións do III Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado. Un posto do mercado municipal acollerá a estrea absoluta da performance Corazón, da galega Iria Sobrado, quen volve ao festival logo de gañar, na primeira edición do certamente, o premio á mellor interpretación. A proposta terá lugar ás 13.00, 13.30, 19.00 e 19.30 horas. Por outra banda, Beni Barbería e Perruquería será o espazo non convencional no que terán lugar as diferentes representacións de Margarita, de Teatro en Punto. A peza é un monólogo de Sonia Barros baseado nun artigo da xornalista Maruja Torres publicado en 1994 que se poderá ver neste local ás 18.00, 18.30, 19.00 e 19.30 horas. Debido á limitación física de cada un dos espazos que acolle o M2, a organización do FIOT recomenda facer unha reserva previa da entrada ao correo electrónico fiot.microteatroentada@gmail.com, indicando o nome do espectáculo, horario, nome e apelidos da persoa asistente e un teléfono de contacto.

A ESOCOLA DO ESPECTADOR

Este sábado terá lugar a terceira sesión da Escola do Espectador, a actividade aberta e gratuíta do FIOT que ten como obxectivo achegar o feito teatral e cuestións vinculadas a el ao público. Nesta 28ª do festival, a iniciativa, coordinada por Camilo Franco, pretende afondar no concepto do teatro social e político, directamente vinculado ao eixo programático deste 2019, logo da súa eclosión nos últimos anos. 

Despois de expoñer e reflexionar arredor do concepto de crise ou de realismo e realidade nas dúas anteriores sesións, a Escola achegarase nesta quenda ao teatro documento, “o teatro que garda unha maior relación coa realidade”, segundo apunta Camilo Franco. Unha das pezas que se encadran neste xénero son obras como Jauría, a ficción documental baseada na transcrición do xuízo de La Manada e que se representou o pasado domingo no Pazo da Cultura, dentro do Programa de Sala. A nova cita da Escola do Espectador terá lugar este sábado 19, ás 12.00 horas, en A Barra Bar.

Temas: CARBALLO TEATRO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta