O BNG pide canalizar "o cabreo" nas urnas: "Non é o momento da abstención, senón da participación"

A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, cualifica como "frívolo espectáculo" a actuación das forzas estatais.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2019 | Actualizada ás 20:41

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou comprender o "cabreo" da cidadanía ante o "frívolo espectáculo" das forzas estatais, pero pediu canalizalo nas urnas. "Non é o momento da abstención, senón da participación, o momento de facer algo diferente apostando polo BNG", indicou.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

A líder dos nacionalistas galegos participou este xoves en Teo (A Coruña) nun mitin xunto ao cabeza de lista do Bloque ao Congreso pola provincia, Nestor Rego.

Na súa intervención, Pontón asegurou que "todas as persoas que queren que Galicia recupere o peso político que lle corresponde saben que van poder contar cos deputados e deputadas do BNG". "Nós non lles imos a fallar", comprometeuse.

Así mesmo, criticou o "triste papel" dos 23 deputados electos por Galicia, da que se "esquecen ao día seguinte das votacións". Ademais, acusounos de "facer seguidismo" do que mandan as direccións dos seus partidos. "Serven a esas cúpulas madrileñas, pero son totalmente inútiles cando se trata de defender os intereses dos galegos", subliñou.

Tamén recalcou que hai seis meses o BNG quedou ás portas de volver á Cámara baixa pero prognosticou que "desta vai" e mostrouse convencida de que "son moitas as persoas que, votasen o que votasen en 28A, teñen claro que o que necesita este país para ter futuro é menos Madrid e máis Galicia".

"ESTE É O MOMENTO"

Pola súa banda, o candidato ao Congreso pola provincia da Coruña, Nestor Rego, insistiu en que "este é o momento" para que "o BNG volva ser a voz de Galicia en Madrid que tanto se botou en falta neste catro anos e medio".

"A experiencia demostrou que as forzas estatais non defenden os intereses do país e as contas están claras: cando o BNG tivo oportunidade de ser decisivo con dous deputados, Galicia recibiu máis de 2.000 millóns en investimentos, dez anos despois, os votos do PSOE e Podemos recortaron ata os 700, menos da metade". "Vale ou non a presenza do BNG en Madrid?", preguntouse.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta