O PPdeG avanza unha campaña "intensa" para concentrar todo o voto "á dereita do PSOE"

O PPdeG organizará "moito acto sectorial" e incidirá no aviso de "como un goberno de Sánchez, que foi malo para España, podería ser aínda peor para Galicia".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2019 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, avanzou que o partido prevé protagonizar na comunidade unha campaña "intensa" na que participará o líder estatal dos populares, Pablo Casado, e na que a formación apelará á concentración de todo o voto que está "á dereita do PSOE".

Tellado, quen xa remarcara que o PPdeG sairá "a gañar", en referencia a volver ser o partido máis votado --nas anteriores xerais o PSdeG rompeu a súa hexemonía--, subliñou, a preguntas dos medios, que a cita coas urnas do 10 de novembro chegará precedida dunha campaña peculiar "que obriga en pouco tempo a unha actividade moi intensa".

"É a campaña que quería Pedro Sánchez para si mesmo. Para el empezou en abril e para nós agora", esgrimiu Tellado, quen puxo o acento na "fartura" da cidadanía. "O denominador común da sucesión de repeticións electorais chámase Sánchez. Entre o 'non é non' e o 'si porque si' o país estivo paralizado", lamentou.

Ao seu modo de ver, Sánchez buscaba unha campaña "na que se fale do que pasa en Cataluña e da exhumación dos restos de Franco", mentres que o partido que lidera Alberto Núñez Feijóo pretende "falar dos problemas que afectan os galegos, por exemplo na economía e a industria".

Non en balde, advertiu que, se non se intervén antes, a situación de "desaceleración" económica pode derivar nunha crise. "E os españois e galegos aínda temos moi preto a crise creada polo Goberno de (José Luís Rodríguez) Zapatero", advertiu.

ACTOS SECTORIAIS

Nesta liña, o PPdeG organizará "moito acto sectorial" e incidirá no aviso de "como un goberno de Sánchez, que foi malo para España, podería ser aínda peor para Galicia". Os populares, ademais, traballarán para "mobilizar o electorado".

"Queremos moita participación e faremos unha campaña intensa e extensa nas sete áreas urbanas. Imos activar ao conxunto da sociedade explicándolle o que se xoga Galicia", defendeu.

CONCENTRAR VOTO

O dirixente popular referiuse ás enquisas, que en Galicia din que o PP "sobe" mentres o PSdeG "baixa, e tanto Vox como Ciudadanos "non conseguen representación", e avanzou que os populares galegos centrarán a campaña en apelar á concentración de voto para que se materialicen as predicións das sondaxes.

O seu obxectivo será, así, impulsar unha campaña intensa para tratar de conseguir que "todo o voto á dereita do PSOE se concentre no PP". E é que, advertiu, é necesario "converter os votos en escanos", xa que se isto non é posible benefíciase "á opción contraria".

"Só hai un partido que pode frear a Sánchez e ao PSOE, e é o PP", reivindicou Tellado, quen preguntado sobre Más País, suxeriu que, tras o partido de Íñigo Errejón, está "unha operación orquestrada" para facilitar que os "descontentos co PSOE ou Podemos" poidan elixir esta opción e non vaian á abstención.

Neste sentido, subliñou que "dá igual como se repartan os escanos na esquerda" porque "todos van votar a Sánchez". Por iso, indicou que todos os que non desexen que Sánchez sexa presidente "teñen que votar ao PP". "Non hai outra ferramenta de cambio para evitar que Sánchez siga facendo dano a España e a Galicia", resolveu.

O secretario xeral do PP de Galicia, Miguel Tellado, en rolda de prensa.. PPDEG
O secretario xeral do PP de Galicia, Miguel Tellado, en rolda de prensa.. PPDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta