A Xunta pide ás deputacións que se somen á 'Sogama da auga' como responsables "de axudar" ao saneamento local

No consello reitor de Augas de Galicia, Ethel Vázquez afirma que a nova sociedade pública buscará ser "un instrumento de apoio" aos municipios.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/10/2019 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, demandou este luns que as deputacións "se somen" á sociedade pública de xestión da auga impulsada pola Xunta, coñecida como 'Sogama da auga', xa que son precisamente os gobernos provinciais os responsables "de axudar" aos municipios no abastecemento e saneamento.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, no consello reitor de Augas de Galicia. XUNTA
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, no consello reitor de Augas de Galicia. XUNTA | Fonte: Europa Press

Así o expresou a conselleira antes de participar na reunión do consello reitor de Augas de Galicia, na que tamén participou a directora desta institución, Teresa Gutiérrez, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.

En palabras de Ethel Vázquez, esta cita celebrada este martes na Escola Galega da Administración Pública (EGAP), en Santiago, consiste nun foro no que están representados a Xunta, o Estado e diferentes axentes para tratar, como "punto máis destacado", a recentemente anunciada sociedade pública para a xestión do ciclo integral da auga.

Esta entidade, coñecida como 'Sogama da auga' --pola súa similitude coa sociedade autonómica posta en marcha no seu día para a xestión de residuos--, atópase desde o pasado día 15 de outubro, e ata o próximo 5 de novembro, en período de tramitación pública. Tal e como explicou a conselleira, configúrase como un instrumento "de apoio" aos concellos na explotación das infraestruturas hidráulicas, xa que son os "responsables, pola Lei de Bases do Réxime Local, do saneamento, abastecemento e depuración" deste recurso.

Esta sociedade pública, que cumpre as premisas do pacto local da auga asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), terá capital maioritario da Xunta. Con todo, Ethel Vázquez instou ás deputacións a "adherirse" a ela "porque teñen a responsabilidade directa de axuda e auxilio aos concellos de menos de 20.000 habitantes".

A 'Sogama da auga', tal e como asegurou a conselleira, será un instrumento "de apoio" que servirá para "profesionalizar e especializar" a explotación e mantemento as infraestruturas hidráulicas, de forma que ofrezan un servizo "máis eficiente, máis eficaz e de maior calidade".

Entre estas axudas inclúese a "facilidade financeira" para a realización dunha auditoría inicial do estado dos municipios en canto ao abastecemento, un paso previo a adherirse á iniciativa.

LEI CONTRA AS FUGAS

A preguntas dos medios, Ethel Vázquez valorou que "outra liña de colaboración" cos municipios estableceraa a lei de garantía de abastecemento, actualmente en tramitación no Parlamento de Galicia, que buscará eliminar as fugas das redes municipais que en certos concellos, como Coristanco (A Coruña), son "superiores ao 70 por cento".

Neste contexto, celebrou o "incremento importante" do 10 por cento previsto no proxecto de orzamentos da Xunta para o 2020 en relación a axudas aos gobernos locais para obras "pendentes e xa programadas en materia de depuración e saneamento" das rías, así como o abastecemento de "núcleos rurais" e a instalación de contadores de caudal para detectar posibles fugas na rede.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta