O tira e puxa da comarca de Ordes coa enerxía eólica

Os alcaldes da Mancomunidade de Ordes comprometéronse a rexeitar a instalación de parques eólicos na súa comarca. A empresa Capital Energy di cumprir con todos os puntos da lexislación vixente. A asociación Salvemos a Comarca de Ordes fala de posibles fraudes na creación dos parques.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/10/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O pasado día dez de outubro os concellos da Mancomunidade de Ordes comprometéronse de maneira conxunta, a rexeitar os proxectos de parques eólicos previstos dentro da súa comarca. A plataforma Salvemos a Comarca de Ordes (SCO). Aire, auga e terra limpas, reuniuse cos alcaldes dos sete municipios, segundo a plataforma “para abordar a preocupación veciñal derivada da inminente saída a exposición pública de varios parques eólicos e novas liñas de alta tensión”, tal e como sinalaron nun comunicado enviado pola propia asociación.

Alcaldes da Comarca de Ordes con pancarta contraria aos eólicos
Alcaldes da Comarca de Ordes con pancarta contraria aos eólicos | Fonte: SCO

Os motivos que alega Salvemos a Comarca de Ordes, son que as liñas de alta tensión que atravesarían a comarca poñerían en perigo “os intereses económico-sociais dunha zona rural considerada pola propia Xunta como de especial interese agrario”. A empresa promotora, Capital Energy, alega pola súa parte que dita instalación non prexudica en ningún caso, a produción agraria da comarca, ademais de engadir que se cumpre con toda a legalidade vixente.

ECONOMÍA AGROGANDEIRA 

A comarca de Ordes é unha zona gandeira e agrícola que está derivando a súa produtividade cara un modelo de produción ecolóxica. Logo que a construción e outros sectores económicos crebasen, a agricultura ecolóxica é actualmente o eixo laboral e de ingresos para a zona. A partir de 2020, a Política Agraria Común (PAC) da Unión Europea, incidirá neste tipo de explotacións agrogandeiras. “O que temos é a instalación duns aeroxeneradores que anularía a produtividade deses terreos como espazo agroecolóxicos” di Leandro del Río, asesor de Salvemos a Comarca de Ordes. “As pas soltan partículas, os motores soltan aceite e as liñas eléctricas de evacuación crean campos electromagnéticos e mesmo se están estudando efectos sobre o gando por culpa do ruído deses aeroxeneradores”.

Xabier Monteagudo, representante de Capital Energy en Galicia, sinala que “temos varios proxectos a tramitar en Galicia, uns trinta e catro, o que non quere dicir que saian todos”, non obstante “están en trámite os proxectos express que son os que saíran a poxa de 2017 e 2018, nós estamos dentro dos ordinarios”. Estes procedementos afectan ás empresas que non teñen potencia dentro da poxa do Ministerio de Transición Ecolóxica.

Eólicos de Paradela (Lugo). CEDIDA
Eólicos de Paradela (Lugo). CEDIDA

Salvemos a Comarca de Ordes denuncia tamén que o tipo de aeroxeneradores que se quere instalar “non existen ata o momento en ningún lugar de España” sinala del Río. “A súa altura é de 204 metros ata a punta da pa, ademais a súa área de afección, mínimo 200 metros segundo o plan eólico de Galicia, mais estas empresas queren aumentar en varios quilómetros”. Outra das eivas apuntadas aos parques eólicos é ter que solicitar permisos ás empresas para actividades que se desenvolvan perto dos xeradores. Xunto a isto, sinalan desde SCO, o valor das terras baixaría un 50%. No caso das liñas eléctricas, no lugar de Mesón do Vento está instalada unha subestación eléctrica desde a que se distribúe a produción eléctrica de Galicia a outros lugares, incluíndo Castela e Portugal, din da asociación SCO.

Sobre a altura das torres, a tecnoloxía mellorou e tamén a maior altura máis enerxía, por tanto, unha torre máis alta pode substituír a dúas das antigas” explica Xavier Monteagudo. Sobre a superficie afectada, Monteagudo sinala que non é certa a afectación a unha superficie de grandes dimensións. “Cada muíño afecta á zona que afecta, a plataforma, a base e o voo das pas, fóra de aí pódese facer o que se queira, mesmo debaixo do voo, mais é certo que a poligonal dos parques en conxunto pode afectar a unha área ampla a efectos administrativos”.

Podería negarse un propietario ao paso dunha liña eléctrica ou a instalar un aeroxenerador? “As entidades locais non poden facer moito porque son proxectos supramunicipais e estamos ao que diga a Consellería de Industria” sinala Leandro del Río. “E todo isto sen contar coa afección ao Camiño Inglés cara Santiago, a afección á paisaxe e á fauna”.

“Cinguímonos á lexislación, pode darse o efecto de sombra, a SCO di que pode afectar ás casas, eu dubídoo” di Monteagudo. “Se é así, o informe de impacto ambiental dirao e correxirase, os muíños están onde di a normativa, a 500 metros dos núcleos”. Sobre a afectación á economía agraria Capital Energy di que se pode aproveitar o espazo debaixo do voo agás para a plantación forestal, “nós pagamos iso moi por encima do valor forestal que se lle poda sacar” aos terreos debaixo das pas. O pagamento é un aluguer en que se abona ano a ano aos propietarios. “O tendido que pasa polo Camiño Inglés ten que ir soterrado, tal como di a lexislación”.

A asociación Salvemos a Comarca de Ordes cuestiona ademais que a produción de enerxía eléctrica  compense as posibles perdas para o sector agrogandeiro. “Un muíño que podan instalar en Casa Grande de Xanceda non cubre unha doceava parte do que produce nun ano esa explotación agraria” sinala del Río. “Se o sector agrogandeiro se ve afectado, o sector de servizos ao seu redor tamén se vería moi afectado”. Por que os sete alcaldes da comarca se comprometeron a rexeitar o plano eólico? “Porque a asociación SCO se reuníu con eles e entenderon as consencuencias de máis de cincuenta muíños nos seus concellos”.

“Descoñecemeos os rendementos económicos por exemplo de Casa Grande, e se houbese un muíño nos seus terreos, só afectaría ao terreo onde estivese instalado” sinalan en Capital Energy. “Non afectaremos a toda a explotación, como moito unha hectárea que nós lle pagaremos o aluguer moi por encima do que podan darlle os pastos e que poderán seguir explotando”. O proxecto de instalación responde ao plan de zonas de xeración eólica da Xunta de Galicia do ano 2000.

GREEN CAPITAL POWER E O PLANO EÓLICO QUE NON FOI

Actualmente a empresa que desenvolve a promoción dos parques é Capital Energy. A empresa que estaría interesada en explotar os muíños é Green Capital Power, empresa xestionada polo industrial Jesús Martín Buezas. Esta mesma empresa fora a que no seu día recorrera o plano eólico do recén elixido primeiro goberno Feijóo, que buscaba así tombar o plano eólico do bipartito. A iniciativa da primeira administración Feijóo custoulle varias indemnizacións á Xunta de Galicia pola anulación do plan que no seu día presentara o goberno PSOE-BNG.

A proposta actual de instalación ten que pasar por unha serie de “filtros” e informes previos á súa autorización. A cuestión é que existen dúas vías para pedir autorización. Os proxectos de menos de 50 Mega Watios son competencia do goberno autonómico, os de máis de 50 Mw son competencia do Estado.

“Temos solicitado acceder aos expedientes da Consellería de Industria sobre este proxecto, din que non existen eses expedientes dentro do departamento”, pola contra “a mesma empresa recoñeceu que os expedientes si están desde finais de 2017” explica del Río que engade: “a administración autonómica modificou o plano eólico a través da lei de iniciativas empresariais de Galicia”. Ademais, del Río sinala que “a empresa recoñeceu que fraccionaron un só proxecto en varios proxectos máis pequenos, que ademais está gravado”. A  partición en proxectos máis pequenos sería considerada unha fraude. Unha sentenza do Tribunal Supremo declaraba ilegal esta práctica. Os motivos detrás serían “que así instalaban a través da Xunta por teren menos potencia e menos problemas”.

Capital Energy presentou o acutal proxecto á Dirección Xeral de Industria e reiteran que a potencia inferior a 50 Mw se tramita a través da Consellería de Industria e a superior aos 50 Mw a través do Ministerio. “Hai anos esta empresa solicitara parques de máis de 50Mw que están desistidos desde 2018”. É dicir, a empresa renunciou a desenvolvelos nos terreos onde se queren instalar os novos proxectos. “Non se fraccionaron eses proxectos noutros máis pequenos, non se pode facer, ademais aqueles proxectos antigos estaban mal plantexados, mesmo o recoñeceu a empresa” recorda Monteagudo.

“Reunímonos cos veciños de Buscás, afectados polo parque de Solpor, e alí apareceron os de SCO, e logo levaron eles a voz cantante, os que facían as preguntas” di Monteagudo. Preguntado se nesa reunión había unha cámara gravando, o portavoz de Capital Energy di que “efectivamente” e insiste en que “cumprimos a normativa”.

ALUGUERES DE LIÑAS

A subestación de Mesón do Vento, que pertence a Red Eléctrica Española, REE, sería paso obrigado para as liñas eléctricas vinculadas aos parques eólicos. “Estas liñas eléctricas que teñen eles permitirían evacuar os parques eólicos do norte da provincia da Coruña e Lugo” sinala del Río, e ese transporte da enerxía “ten unha peaxe, aí está o negocio”. A explotación eólica, segundo a SCO non sería rendible, “hai anos Fenosa Win medira unha cantidade de 1.800 horas de enerxía, esta outra compañía di que pode haber máis de 3.000, non nos cadra”. Xabier Monteagudo, de Capital Energy, confirma que as medidas de enerxía tomadas na zona eran de máis de 3.000 horas anuais.

“Como pode haber recurso eólico nunha zona onde non hai? A única explicación que vemos son as liñas de evacuación que compensen esa instalación” razona del Río. As sospeitas recaen por tanto nos novos tendidos que se instalen en paralelo aos muíños, que poderían ser alugados para transporte de enerxía eléctrica.

“Os aeroxeneradores agora son máis eficientes por máis tamaño e así renden mellor con eses ventos”, sinala Monteagudo. Sobre a subestación “non hai que pagar aluguer a REE polo uso da subestación, tes que pagar o novo tendido e as instalacións que fagas na mesma subestación, cando pagas peaxes é cando usas as liñas doutras compañías privadas”. Ademais engade que agora mesmo o prezo do Mw hora é de 42 euros, cando hai anos estaba subvencionado e chegaba a 80 euros. Tamén teñen en conta desde as compañías eléctricas que a tecnoloxía para a instalación e funcionamento dos muíños, hoxe en día é máis barata.

Eólicos de Paradela. CEDIDA - Arquivo
Eólicos de Paradela. CEDIDA - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta