Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/07/2025 | Actualizada ás 16:16
Traballadores de residencia privadas e servizo de axuda no fogar (SAF), convocados pola CIG, volvéronse a mobilizar ante a Xunta este luns para reclamar melloras en condicións laborais e salariais. Estas protestas celebráronse de forma simultánea nas catro provincias en demanda de convenios colectivos dignos, máis cocientes de persoal e unha mellora da calidade asistencial que se presta.
En concreto, as protestas tiveron lugar ante as xefaturas territoriais de Política Social da Coruña, Vigo, Ourense e Lugo. Alí, fixeron entrega de escritos para solicitar unha reunión urxente coa conselleira, Fabiola García, para abordar a situación do sector. "Política Social é responsable da grave situación laboral que hai tanto nas residencias de maiores como no SAF", denunciou o secretario de Negociación Colectiva da CIG-Servizos, Adolfo Naya, durante a protesta na Coruña.
A CIG reprocha que a negociación do convenio das residencias privadas e centros de día está bloqueada pola patronal desde o pasado mes de outubro, despois de que as asembleas de traballadoras rexeitasen de maneira contundente a proposta do empresariado, xa que "supuña seguir coas táboas salariais por baixo do SMI, non contemplaba ningunha mellora na cobertura das baixas, non avanzaba na redución da xornada nin nas compensacións polo traballo en festivos, nin tampouco introducía melloras de carácter social".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.