Pablo Iglesias arroupará aos candidatos de Galicia en Común nun mitin na Coruña o 3 de novembro

A formación considera que repetirá os dous deputados acadados en Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2019 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

O líder de Podemos, Pablo Iglesias, participará na campaña de Galicia en Común para as eleccións xerais nun mitin que terá lugar na Coruña o próximo 3 de novembro. Diso informou o número uno ao Congreso da coalición, Antón Gómez-Reino, en declaracións aos medios este venres na cidade herculina, onde debullou algúns dos detalles dunha campaña na que En Común "sae a por todas" convencidos de que son "un proxecto consolidado".

Ademais de Iglesias, que visitou Galicia por última vez en abril durante a campaña das pasadas xerais, tamén arrouparán aos candidatos da coalición galega o exlíder de Podem Xavi Domèmech e as eurodeputadas de Unidas Podemos Sira Rego e María Eugenia Palop.

"É un orgullo ser un espazo político que nace e sae do país pero que ademais ten alianzas no conxunto do estado e no ámbito plurinacional", manifestou Gómez-Reino, que incidiu en que En Común pretende durante a campaña "reunirse con todos os colectivos da sociedade civil" para recoller "as súas demandas".

"Queremos demostrar que temos unha alianza forte para construír un goberno que sexa netamente de esquerdas e coa participacion de Galicia en Común e Unidas Podemos", destacou o tamén secretario xeral de Podemos Galicia.

Así as cousas, Gómez-Reino asegura que a súa candidatura está "consolidada" a nivel galego, polo que "o horizonte" é manter os dous deputados logrados en abril e tratar de alcanzar algunha acta a maiores.

Por último, cuestionado polo acto que este mesmo venres celebra Máis País na Coruña con presenza do exnúmero dous de Podemos Íñigo Errejón, Gómez-Reino reiterou que respectan que "outras forzas se presenten" ás eleccións, aínda que minimiza o posible impacto sobre as aspiracións de En Común. "Estamos completamente consolidados neste país. A xente sabe quen somos, o que defendemos nas institucións e o que imos facer", subliñou.

A candidata galega de En Comun Unidas Podemos,Yolanda Diaz, o líder de Podemos, Pablo Iglesiass,  o ex alcalde de Ferrol, Jorge Suárez e o deputado de Galicia En Común, Antón Gómez-Reino
A candidata galega de En Comun Unidas Podemos,Yolanda Diaz, o líder de Podemos, Pablo Iglesiass, o ex alcalde de Ferrol, Jorge Suárez e o deputado de Galicia En Común, Antón Gómez-Reino | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Sen dúbida a xente sabemos ben quen son...! https://i.gal/gamela03