Autorizan a licitación para as obras de supresión do bloqueo telefónico na liña Ferrol-Ortigueira

O tramo Ferrol-Ortigueira, que forma parte da liña de ancho métrico Ferrol-Pravia, ten unha lonxitude duns 53 quilómetros en vía única non electrificada.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2019 | Actualizada ás 18:23

Comparte esta noticia

O Consello de Ministros autorizou este venres ao Ministerio de Fomento a licitar, a través de Adif, as obras de supresión de bloqueo telefónico do tramo comprendido entre as estacións de Ferrol e Ortigueira. O valor estimado do contrato elévase a uns 14,2 millóns de euros e o prazo de execución dos traballos é de 14 meses, segundo informa o Ministerio de Fomento.

Esta actuación, destaca, "suporá melloras substanciais na explotación ferroviaria, fundamentalmente maior capacidade da liña e regularidade nas circulacións, así como un incremento notable da capacidade e fiabilidade das instalacións".

O tramo Ferrol-Ortigueira, que forma parte da liña de ancho métrico Ferrol-Pravia, ten unha lonxitude duns 53 quilómetros en vía única non electrificada. Este tramo está dotado do sistema de axuda á condución de Anuncio de Sinal e freado Automático (Asfa) e bloqueos telefónicos entre as estacións lindeiras.

O obxecto desta actuación é o equipamento das instalacións de seguridade e comunicacións necesarias para substituír o actual bloqueo telefónico por bloqueos automáticos regulados por telemando desde o Posto de Control de Tráfico Centralizado (CTC) do Berrón (Asturias). Para iso, o proxecto inclúe a instalación de sistemas de enclavamientos, bloqueos automáticos en vía única, e sistemas de telecomunicacións en todas as estacións do tramo. Ademais, Fomento indica que se procederá a substituír o equipamento de vía do sistema Asfa analóxico polo dixital, e sinais convencionais por sinais de focos tipo led.

Praia da Concha, en Ortigueira
Praia da Concha, en Ortigueira | Fonte: turismo.gal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta