San Xoán de Río celebra o Día da Restauración da Memoria Lingüística, e homenaxea a Antonio Caneda, fusilado en 1937

Unha placa na porta da igrexa parroquial de Medos recordará a todos os que alí repousan, baixo a lenda “na memoria das persoas que xacen aquí, porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”.

Por Galicia Confidencial | San Xoán de Río | 26/10/2019 | Actualizada ás 16:29

Comparte esta noticia

O Concello de San Xoán de Río celebrou este sábado o Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia con dous actos. O primeiro en memoria de todas as persoas galego falantes xa falecidas. O segundo foi na igrexa parroquial de Medos, onde colocaron unha placa en memoria do mestre Antonio Caneda, fusilado en 1937.

Acto en San Xoán de Ríos Día da Recuperación da Memoria Lingüística
Acto en San Xoán de Ríos Día da Recuperación da Memoria Lingüística | Fonte: San Xoán de Ríos

Segundo palabras do alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua, “queremos render homenaxe ás persoas que nos transmitiron unha lingua como é o galego e que xa non están entre nós”. Pérez Blecua tamén indicou que se busca comezar unha iniciativa sobre a galeguización en cemiterios. “O 98% dos habitantes deste concello falan en galego, mais só o 2% das lápidas ou placas colocadas nos cementerios están na nosa lingua”. Por este motivo, o Concello animará cunha serie de iniciativas a galeguización de lápidas e placas.

Con estes actos, San Xoán de Río súmase ao chamamento da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, que insta aos concellos e á cidadanía consciente, a participar na celebración do Día da Restauración da Memoria Lingüística.

HOMENAXE A ANTONIO CANEDA

Xunto aos actos do Día da Restauración da Memoria Lingüística en Galicia, o alcalde Xosé Miguel Pérez, sinalou que “tamén se realizou un acto de homenaxe ao que fora mestre na parroquia de Medos, Antonio Caneda Rodríguez, que morreu fusilado no Irixo en 1937”.

Con anterioridade a este acto do Concello de San Xoán de Río, xa se realizara un acto de recuperación da súa memoria en 2007. Coa colocación da placa en Medos, galeguizaranse tamén os datos que figuraban ata o de agora como o de ter falecido en “El Irijo”, que se correxirá por Irixo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta