Unha nova sentenza tomba a expropiación dos terreos das Burgas

O portavoz da Xunta de Goberno entende que o punto de partida para o futuro da zona é volver redactar o Plan Especial para o BIC.

Por E.P. | Ourense | 31/10/2019 | Actualizada ás 15:58

Comparte esta noticia

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense deu conta dunha nova sentenza ditada polo Xulgado Contencioso-Administrativo que tomba a expropiación dos terreos das Burgas. A anulación do proceso de expropiación é "consecuencia da anulación do Plan Especial de protección do BIC das Burgas", explicou este xoves o portavoz da Xunta de Goberno, Miguel Caride.

Xandín das Burgas (Ourense)
Xandín das Burgas (Ourense) | Fonte: Wikipedia.

Neste contexto, Caride sinalou que en canto cheguen todas as sentenzas que anulan a expropiación por este motivo, "o Concello debe porse a traballar intensamente para volver redactar o Plan Especial e poder pór en marcha os proxectos de futuro para a zona".

Uns proxectos de futuro que pasan, entre outros, polos programas termais e que deixan no aire actuacións como o tan ansiado hotel-balneario na contorna do antigo cárcere de Progreso.

Miguel Caride subliñou que o Goberno ten "especial interese" en abordar o tema porque afecta unha zona "clave" para a cidade dado que "aí naceu Ourense".

Por este motivo, a título persoal Caride dixo entender que "unha vez redactado e aprobado o Plan Especial para o BIC das Burgas, habería que ver a incorporación desta ordenación urbanística dentro do novo PXOM e cales son as posibilidades de desenvolvemento, xa sexa desde a iniciativa pública ou privada".

PERSPECTIVAS PXOM

A dous meses para que remate 2019, as perspectivas para a PXOM mantéñense sen cambios. Caride sinalou que continúan mantendo reunións de traballo "máis técnico que político" coa concelleira de Urbanismo e o seu equipo.

"A intención é darlle unha saída ao asunto partindo dun concepto claro de documento como algo absolutamente necesario e imprescindible para a cidade", apuntou Caride.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta