Por Galicia Confidencial | A Coruña | 03/11/2019 | Actualizada ás 11:52
A Irmandade da Música Galega organiza na tarde deste domingo, ás 19.00 horas, no Teatro Colón da Coruña, a segunda Festa da Nosa Música, que ten como curiosidade a presenza da Unidade de Música da Forza Loxística Operativa nun programa no que se interpetarán pezas galegas.
Nesta edición cóntase coa colaboración do quinteto Zoar de vento, o barítono Pedro Martínez Tapia, as corais Cantabile, Sporting Club e Cántigas da Terra, así como a Unidade de Música da Forza Loxística Operativa.
Será na segunda parte do programa cando actúe a banda do Exército cun repertorio que inclúe 'Puenteareas' (R. Soutullo), 'Rapsodia galega nº 1' (E. García Rey), 'Balada gallega' (J. Montes), 'Airiños aires' (G. Freire) e 'Mi tierra gallega' (R. Cerato/P.Romo).
A Forza Loxística Operativa é a organización do Exército de Terra que ten por labores prepararse para proporcionar, no escenario de actuación da Forza, o apoio loxístico necesario para as operacións; proporcionar, ao seu nivel en territorio estatal, o apoio loxístico que precisan as UCO do Exército de Terra para manter as súas capacidades operativas, complementando a estrutura permanente de apoio loxístico no desenvolvemento das funcións loxísticas de persoal, abastecemento, mantemento, transporte e sanidade, na forma que determine o Sistema de Mando e Dirección do Exército; e proporcionar a asistencia derivada dos apoios de nación anfitrioa. Tamén lle corresponde, cando así se dispoña, proporcionar o sostemento e o apoio loxístico que desde territorio estatal sexa preciso prestar á forza proxectada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.