Pablo Iglesias pide na Coruña a Pedro Sánchez que aclare se buscará un acordo coa dereita

"Sería decente que os electores socialistas saiban se vai buscar ese acordo ou non, para sabelo antes de votar", di o secretario xeral de Podemos.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 03/11/2019 | Actualizada ás 16:57

Comparte esta noticia

O secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, avanzou este domingo na Coruña que no debate co resto de candidatos do luns preguntará con quen están dispostos a pactar cada un tras o 10N, e aconsellou ao líder do PSOE, Pedro Sánchez, que sería "decente" que os electores socialistas soubesen se buscará o acordo coa dereita antes de votar.

Pablo Iglesias, na Coruña
Pablo Iglesias, na Coruña | Fonte: @EUcoruna en Twitter.

"Hai que preguntarlles con quen están dispostos a pactar. As dereitas téñeno claro. Pero cando a Pedro Sánchez lle dicimos que se comprometa en campaña a non chegar a un acordo con PP ou Ciudadanos, non é claro. Sería decente que os electores socialistas saiban se vai buscar ese acordo coa dereita ou non, para sabelo antes de votar", incidiu.

Desta maneira, Iglesias volve dirixirse a Sánchez para que diga ás claras se haberá algún tipo de acordo de investidura cos de Casado, a pesar de que o presidente dixese que descartaba unha coalición cos populares.

Ante máis de 1.500 persoas no Palacio de Exposicións e Congresos 'Palexco', o acto máis multitudinario da campaña ata agora, pediu á militancia que fale con familiares e amigos que votan ao PSOE para pedirlles unha oportunidade para Unidas Podemos: "Porque saben que ou estamos no Goberno ou o seu partido non fará o que promete".

O líder morado sinalou ademais que está convencido de que en Galicia poden mellorar o resultado das xerais de abril, cando lograron só dous deputados (Pontevedra e A Coruña). E engadiu que contar con máis escanos galegos depende do traballo que realice a militancia ata o día das eleccións.

"Hai moita xente que é de Unidas Podemos e non o sabe. E eu quérovos pedir que fagades campaña porque o máis importante é o boca a boca. Regalar unha Constitución cos artigos sociais subliñados, porque se cadra hai moita xente que se se le a Constitución do 78, acaba votando a Unidas Podemos", aseverou.

TRAS AS PRIMARIAS, SÁNCHEZ "EMPEZOU A PARECERSE" A SUSANA DÍAZ

Tras ser recibido ao berro de 'presidente, presidente!', Iglesias recomendou aos asistentes que esta noite sigan a entrevista que lle fan no programa 'Salvados' e á que tamén estaba chamado Sánchez, quen finalmente non asistiu. Sinala que neste programa cando se escoita á militancia do PSOE e á de Podemos, queda claro que "o acordo é posible".

"A xente do PSOE está de acordo" con intervir o mercado do aluguer, con derrogar a reforma laboral ou con obrigar aos bancos a devolver o rescate de 60.000 millóns, asegura Iglesias, quen tamén afirma que á "xente do PSOE lle pareceu ben" que presionasen para subir o Salario Mínimo Interprofesional a 900 euros.

Entón preguntouse que, se desde a militancia socialista ven ben que ambas as forzas gobernen xuntas, "que é o que fallou" para que o que foi posible en seis comunidades autónomas —un Goberno de coalición— non poida replicarse no Estado.

Para Iglesias, o problema é que Sánchez tras gañar as primarias do seu partido, "empezou a parecerse á candidata que derrotara" —Susana Díaz— e en 2019 acabou facendo o que era a preferencia de "Ana Patricia Botín, o Círculo de Empresarios e a CEOE": "Mellor unha repetición electoral antes que un Goberno con Unidas Podemos".

CONSTITUCIONALISTA "DE CHARANGA E PANDEIRETA"

Por iso, Iglesias quere que Sánchez sexa claro no debate deste luns, e tamén porá sobre a palestra "o significante Constitución" dado que escoita nos medios falar de partidos constitucionalistas para referirse en conxunto a PP, PSOE, Ciudadanos e Vox.

Iglesias avanzou que na cita do luns preguntará "aos constitucionalistas de charanga e pandeireta" que opinan do artigo 31 da Carta Magna que fala dun sistema fiscal progresivo e exporá que desde Unidas Podemos queren baixar impostos a pemes, cotas progresivas para traballadores autónomos e á vez que os grandes patrimonios de máis de 1 millón se axusten "o cinto un pouquiño máis, xa que vén unha recesión".

Así mesmo, avanzou que as grandes empresas que contaminan terán que pagar máis impostos por iso. "Ímoslles traducir o berro dos mozos nas rúas en impostos. A iso chámaselle facer recortes por enriba", afirmou.

Iglesias convidou ademais "aos que compiten por ver quen ten máis grande a bandeira" a que lean a Constitución e a ter "agallas" para intervir o mercado do aluguer, como xa fan países como Alemaña.

"CATALUÑA, CATALUÑA, CATALUÑA"

O candidato morado opina que o resto de partidos non quere falar de medidas económicas durante a campaña porque, no caso de que haxa unha desaceleración, "hai que decidir se os recortes se fan por arriba ou por abaixo".

Iglesias cre que ese o motivo de que en todas as entrevistas con candidatos se platee só o problema de catalán. "Cataluña, Cataluña, Cataluña", repetiu, para logo engadir que aínda que é un problema grave, hai outros problemas territoriais en España.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Os do PSOE de Vigo xa responderon bloqueando ao mensaxeiro !!! https://twitter.com/GamelaNova/stat... Parece claro que a Dignidade e a Humanidade non están no seu Programa Electoral !!!