Antón Sánchez dirixirá unha pregunta a Feijóo sobre "as políticas de exterminio que expulsan á xente do rural"

Por outra parte, Política Social programa unha comparecencia da conselleira para dous días despois das eleccións do 10N.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/11/2019 | Actualizada ás 18:22

Comparte esta noticia

A conselleira de Política Social, Fabiola García, comparecerá o vindeiro martes no pleno ordinario do Parlamento de Galicia, que renovará as súas sesións tan só dous días despois dos comicios xerais. Neste contexto, igual que sucedeu en pasadas ocasións, é previsible que os discursos dos diferentes grupos estean cargados de referencias ao resultado da repetición electoral.

Coa intervención de Fabiola García, produto dun acordo entre todos os grupos e a petición propia, o Goberno galego informará á Cámara dos "problemas que existen" na área de Política Social e sobre "como se tentan resolver", tal e como explicou o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, na rolda de prensa posterior á xunta de portavoces deste martes.

Ademais, a conselleira dará conta do acordo da Xunta coa Fundación Amancio Ortega polo cal esta entidade asume o custo da construción das residencias das sete cidades cun total de 90 millóns de euros. As obras están prevista que comecen no primeiro trimestre de 2020. "Un ambicioso plan que xa o PP tiña previsto no seu programa electoral e no que a novidade é, precisamente, a actuación filantrópica da Fundación Amancio Ortega", destacou Puy.

Fronte a estes eloxios, o portavoz do Grupo Mixto, Luís Villares, asegurou que a conselleira comparecerá "presionada e forzada por unha petición unánime de toda a oposición" para "dar conta da situación das residencias da terceira idade" en Galicia.

"Como saben, hai unhas denuncias perentorias nos últimos tempos sobre precarización das condicións de traballo, sobre saturación da carga de traballo (...) e por tanto é necesario atender a esa situación e resolvela", esgrimiu.

No campo da política social, o portavoz do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, destacou que na orde do día incluirase unha pregunta do seu grupo para reclamar "medidas" para que "non volvan ocorrer" as intoxicacións en case unha decena de escolas infantís da rede pública galega.

MODIFICAR A LEI DE GOBERNO

Por outra banda, a Cámara debaterá o vindeiro martes unha iniciativa do Grupo Mixto para reformar a Lei do Goberno de España, un texto que se enviará ás Cortes xerais co obxectivo de establecer que un Executivo estatal en funcións "poida adoptar as decisións oportunas para que o resto do réxime de financiamento das comunidades autónomas funcione con normalidade".

En palabras de Villares, é unha "gran medida política" que buscará "pór ao PSOE e ao PP fronte ao espello en materia de financiamento autonómico en situación de interinidade", porque "o Estado das autonomías non pode estar bloqueado porque o Goberno estea en funcións, o que cada vez é máis frecuente".

ESTATUTO ELECTROINTENSIVO

Por parte do PPdeG, grupo que ostenta a maioría absoluta no hemiciclo, levará unha iniciativa para demandar á Cámara que apoie a proposta de estatuto de empresas electrointensivas elaborado pola Xunta para que o Executivo central o asuma "na súa integridade".

"O obxectivo é que estas empresas electrointensivas --como Alcoa-- poidan competir en igualdade co resto das empresas europeas do sector, para o que tamén precisan que se garanta un prezo da electricidade realmente competitivo fixado entre os 35 e os 40 euros por megawatt", explicou o portavoz popular.

O PSdeG, principal grupo da oposición, incidirán na transición enerxética demandando á Administración galega "un plan autonómico de descarbonización" a través dunha moción contra a "crise climática" que busque "unha economía neutra de carbono para o 2030".

Ademais, Leiceaga avanzou unha proposición non de lei para fomentar o "diálogo" entre a Xunta e os colectivos profesionais da atención primaria sanitaria e outra para demandar "incentivos á oferta de vivendas" con alugueres de longa duración.

COMÚN DA ESQUERDA

Noutra orde de cousas, o viceportavoz parlamentario do Grupo Común da Esquerda Antón Sánchez avanzou unha pregunta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na que o propio líder de Anova incidirá en "as políticas de exterminio que expulsan á xente do medio rural".

Segundo o tamén portavoz nacional de Anova, Feijóo "ri da xente deste país cando fala da lexislatura do rural ou do impostos cero". E é que, ao seu modo de ver, o Goberno galego e o PP son "cómplices" destas políticas "de exterminio" e que promoven un modelo produtivo que produce "abandono e envellecemento".

Antón Sánchez tamén destacou que o Grupo Común da Esquerda presentará iniciativas para "defender" servizos públicos como a sanidade e a educación "despois de 10 anos de precarización e enfraquecemento".

BNG E SANIDADE

Por último, o BNG levará ao pleno unha proposta para dotar á comarca do Deza dunha nova ambulancia medicalizada, por mor da morte dun home a mediados de outubro no municipio de Dozón despois de que o vehículo sanitario tardase 46 minutos en chegar.

E é que, tal e como explicou a viceportavoz parlamentaria do Bloque Montse Prado, na nova adxudicación do contrato de ambulancias "só hai unha", por moito que Feijóo "nunha fuxida cara a adiante diga que vai haber novas".

Sen saír do campo sanitario, os nacionalistas preguntarán no próximo pleno "que ten pensado facer" a Xunta ante "a gravísima situación de adiamento de 1.200 consultas de pediatría" no Hospital de Ourense, algo que se debe á "falta de recursos e a falta de persoal" do Sergas, "por moito que se tente dar unha situación de normalidade".

Xunta de portavoces do Parlamento de Galicia.. PARLAMENTO DE GALICIA
Xunta de portavoces do Parlamento de Galicia.. PARLAMENTO DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

no que atinxe a residencias para maiores non vimos pregunta algunha de como SE REGALA este edificio a unha Aseguradora (?) https://flic.kr/p/Ug8tTs cando estaba enriba da mesa un proxecto de CC.OO para converterlo en Residencia Asistida - Centro de Día - Pero nin Xunta nin Concello foron quen de levar adiante o proxecto ! NIN REGALADO ? Alucinante... ¿para que están sentados os dous da Marea de Vigo e o do BNG no Concello? Supoñemos que para enviar tuits en campaña electoral !!!