Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/11/2019 | Actualizada ás 09:00
Un colectivo de pais e nais de rapazada usuaria do servizo de pediatría do Sergas reivindica un mellor acceso ao servizo nos concellos de Fene, A Capela, Ares, Mugardos, San Sadurniño, Moeche, Cerdido e As Somozas. Hoxe en día, son aproximadamente 3100 nenos e nenas destes oito concellos os afectados pola "precariedade" que sofre a pediatría pública do rural. Fronte á falta de solucións por parte de Sanidade, os pais e nais xa convocaron unha primeira concentración a finais de outubro e agora preparan outra quedada para o próximo sábado, nove de novembro, ás portas do hospital Arquitecto Marcide, en Ferrol.
FENE E A CAPELA
No caso de Fene e A Capela levan dende o mes de setembro reclamando que se cubran as dúas prazas de pediatría baleiras que deixan case 1700 nenos e nenas sen médico. Tras as queixas expostas ao propio Sergas, a resposta, segundo indican, foi a cobertura dun dos postos, "só de xeito puntual" e por unha profesional "non especialista en pediatría". Deste xeito, os pacientes menores de tres anos son derivados ao servizo de urxencias de Arquitecto Marcide, e os maiores a profesionais non especialistas en pediatría que estean prestando servizo no centro de saúde cando non hai persoal cubrindo as baixas.
Esta maneira de proceder, indican, "non ten en conta as necesidades da rapazada, que non deberían ser atendidas por diferentes profesionais cada vez que requiren dos servizos de pediatría". Este feito supón un "trastorno" para ela pola "ausencia de caras coñecidas que aporten tranquilidade", "o descoñecemento das particularidades de cada neno por parte dos profesionais" e a "necesidade de desprazamentos a puntos afastados do lugar de residencia".
ARES E MUGARDOS
O caso de Ares e Mugardos é semellante. Os pais e nais do lugar aseguran que levan máis "máis dun mes" sen servizo de pediatría por traslado da persoa que ocupaba o posto. Neste tempo substituíuse ocasionalmente por diferentes profesionais, de xeito parcial e sen levar a cabo todas as funcións do servizo de pediatría por falta de tempo. "Cando o posto non se está cubrindo vémonos na obriga de desprazarnos ao PAC de Fene, pero como alí tampouco se nos dá cobertura temos que recorrer ás urxencias de Arquitecto Marcide, co risco que isto representa", explican.
SAN SADURNIÑO, MOECHE, CERDIDO E AS SOMOZAS
En canto a San Sadurniño, Moeche, Cerdido e As Somozas, esta situación de precariedade lévase producindo dende hai nove meses. Neste caso perdeuse a itinerancia do servizo polos diferentes centros de saúde, de maneira que só se atende ás usuarias dos catro concellos no centro de saúde de San Sadurniño por pediatras e profesionais médicos puericultores nunha "xornada reducida que para nada é suficiente". A rapazada destoutros concellos tamén se ven na obriga, xa que logo, de acudir ás urxencias de Arquitecto Marcide cando non hai cobertura no centro de saúde de San Sadurniño.
RESPOSTA DO SERGAS
Ata este momento, e tras un gran número de reclamacións, aseguran que o Sergas non deu ningunha opción satisfactoria para solucionar esta situación "tan grave". "Limítase a responder que non hai dispoñibilidade de médicas pediatras para poder contratar e a pedirnos que sexamos pacientes". Fronte a isto, o colectivo de pais e nais afectados volve reivindicar que "as nenas e nenos do rural teñen o mesmo dereito a un servizo de pediatría público de calidade que os dos núcleos urbanos". Demandan unha "pediatría pública eficiente" e que os seus fillos "recuperen o seu dereito á atención pediátrica pública" nos seus centros de saúde de xeito "continuado".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.