Un estudo destaca que hai menos número de incendios pero máis virulentos e con máis superficie queimada

Segundo un informe da USC, a frecuencia da área queimada segue unha distribución exponencial negativa en case todas as rexións estudiadas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/11/2019 | Actualizada ás 19:22

Comparte esta noticia

Un menor número de incendios forestais concentra cada vez máis superficie queimada en España, Portugal, Francia e Italia, segundo un estudo internacional dirixido polo investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Dominic Royé, no que participan varios centros.

A frecuencia da área queimada segue unha distribución exponencial negativa en case todas as rexións, segundo explica a USC nunha nota de prensa, con "moitos incendios de pouca extensión e poucos grandes incendios". Así, cada vez máis "un pequeno número de incendios" é o responsable "da maioría da área queimada", sinala.

Para a elaboración deste artigo, que publica a revista 'Land Degradation & Development', utilizáronse datos do sistema europeo de información sobre incendios forestais, así como bases de datos nacionais sobre incendios forestais. Esta investigación mostra que, na maioría dos países europeos do Mediterráneo, a superficie queimada está cada vez máis relacionada cun menor número de incendios.

A distribución espazo-temporal do índice presenta unha gran variabilidade en todos os países analizados. Neste sentido, Portugal e España mostran tendencias significativas crecentes cun incremento do 7,6% e do 1,3% por década, respectivamente. En Galicia, a tendencia é máis pronunciada que no resto de España, cunha subida do 2,7%.

PAISAXES INFLAMABLES

A tendencia positiva significativa do índice en Portugal e España "podería estar relacionada co cambio climático e con cambios antropoxénicos rexionais", explica o comunicado. Por exemplo, cita paisaxes máis continuas, homoxéneos e inflamables e degradación do chan. Estes factores, por si mesmos, só explican parte das tendencias observadas, explica Dominic Royé.

A aplicación deste índice tamén demostra a necesidade de outorgar máis atención a incendios extremos que son imposibles de controlar ata que ocorra unha diminución da intensidade do incendio. Tamén se atopan correlacións estatisticamente significativas para Portugal, España e Italia entre o índice de concentración anual e varios índices de "teleconexión climática", que son patróns de fluxos atmosféricos.

A relación, apunta a USC, é "clara" coa fase negativa da chamada oscilación do Mediterráneo Occidental, que produce ventos do leste na maior parte da Península Ibérica. Os ventos do leste en Portugal son secos e cálidos no verán, o que leva a un aumento "dramático" no risco de incendios forestais, afirma Roye. Por último, a aplicación do índice demostra a súa capacidade discriminatoria, que é un punto "clave" na detección de áreas vulnerables e tendencias temporais baixo o cambio climático.

Incendio. MIRAMEMIRA - Arquivo
Incendio. MIRAMEMIRA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta