Temas: RURAL CORREOS

Carteiros rurais reclaman a suba do complemento por ter que usar os seus vehículos particulares para traballar

Representantes dos traballadores concéntranse ante a dirección territorial da operadora deste servizo en Santiago e denuncian que o complemento está conxelado desde 2011.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/11/2019 | Actualizada ás 17:01

Comparte esta noticia

Representantes de CIG Correos concentráronse este xoves ante a dirección territorial da operadora deste servizo en Santiago para demandar o incremento do complemento que perciben os traballadores no rural por achegar o seu vehículo particular, conxelado desde 2011.

Protesta dos carteiros rurais en Santiago
Protesta dos carteiros rurais en Santiago | Fonte: CIG.

Anxo Álvarez, representante de CIG-Correos, sinalou que os carteiros rurais teñen "a obriga" de utilizar para as súas reparticións o seu vehículo particular. A cambio, a empresa págalles unha compensación que, actualmente, "non chega nin sequera para cubrir os gastos", xa que, mentres que os salarios desde 2011 experimentaron subidas "inferiores ao IPC", os prezos de carburantes, seguros ou talleres "seguiron subindo", polo que os traballadores "están a sufragar do seu peto parte da prestación do servizo postal".

Segundo explicou Álvarez, a situación agrávase pola "obrigatoriedade" de asumir as zonas de repartición dos compañeiros que, por calquera motivo, non poidan acudir ao seu posto, que non son cubertas por Correos.

O representante de CIG-Correos explicou que, cando se asinou o último convenio, no ano 2011, estableceuse a creación dunha mesa, "que nin sequera se chegou constituír", para revalorizar o prezo da compensación cada seis meses, "pero nin a empresa nin os sindicatos asinantes do convenio volveron sentar para falar deste tema".

Nestes momentos, Correos está a pagar o quilómetro/día a 23 céntimos, explica a CIG, que esixe que se teña en conta o prezo dos carburantes e páguense estes elementos "acorde co seu custo real".

Temas: RURAL CORREOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta