Sanidade recomenda revisar a cartilla de vacinación aos mozos de 18 a 24 anos para evitar a extensión de papeiras

A recomendación chega logo de ser detectado un "lixeiro aumento" de casos desta enfermidade en Galicia, en concreto entre esas idades.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/11/2019 | Actualizada ás 16:16

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade recomenda, en especial aos mozos de 18 a 24 anos, revisar a cartilla de vacinación co fin de evitar a difusión das papeiras, tras detectarse un "lixeiro aumento" de casos desta enfermidade en Galicia, en concreto entre esas idades.

Edificio do Sergas
Edificio do Sergas | Fonte: Xunta.

Segundo informou a Consellería de Sanidade, a maioría teñen administradas as dúas doses da vacina tripla vírica --sarampión, rubeola e papeiras--, que figura no calendario vacinal galego desde 1981.

"Se algunha persoa ten dúbidas de se está vacinado coas dúas doses desta vacina ou non o lembra, é conveniente que se poña en contacto co seu médico de cabeceira", explicou Sanidade.

As papeiras é unha enfermidade benigna pero contaxiosa. E o feito de que algún dos mozos teña papeiras aínda coa vacina administrada "é debido a que a resposta inmunolóxica da vacina fronte ao virus da parotidite vai descendendo co paso do tempo".

Para evitar a extensión da enfermidade, Sanidade recomenda ás persoas que a padezan que non acudan ao seu centro académico ou de traballo, ou a outro tipo de actividade común --como deportiva--, nos cinco días seguintes ao comezo dos síntomas. Ademais, indica que debe evitarse ter contacto con embarazadas, persoas inmunodeprimidas ou nenos menores de 12 meses.

Os síntomas máis habituais das papeiras son dor facial, febre, dor de cabeza, dor de garganta e perda de apetito.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta