Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/11/2019 | Actualizada ás 18:48
A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, animou aos axentes de innovación de Galicia e do Norte de Portugal a aproveitar as oportunidades da cooperación interregional e transnacional no ámbito da Fábrica Intelixente e da transformación dixital para ser "máis fortes e competitivos".
Argerey participou este venres na inauguración dun taller da Vanguard Initiative celebrado en Santiago co obxectivo de informar sobre a metodoloxía e os obxectivos da iniciativa e analizar as posibilidades de participación nos proxectos piloto que teñen en marcha, así como identificar novos proxectos potenciais que poidan liderar conxuntamente Galicia e Norte de Portugal.
A Vanguard Initiative for New Growth through Smart Specialisation, na que participa a Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía desde 2015, é unha alianza integrada por 35 rexións das máis industrializadas de Europa co obxectivo de impulsar o crecemento económico e social mediante a cooperación en proxectos de innovación industrial, en ámbitos prioritarios para Europa en base ás Estratexias de Especialización Intelixente das rexións incluídas.
O seu traballo articúlase ao redor de cinco áreas temáticas, que teñen como obxectivo demostrar que a colaboración interrexional baseada na especialización intelixente en certas áreas é un valor engadido para favorecer o crecemento, e así influír na axenda de política industrial Europea, dándolle maior relevancia ao papel das rexións.
Cada área temática impulsa proxectos de innovación, chamados casos de demostración, que son propostos por unha ou varias das rexións membro. En concreto, Galicia participa nunha das cinco áreas de traballo da iniciativa, relacionada coa fabricación eficiente e sustentable, que persegue o aumento da competitividade do sector manufacturero europeo a través do uso de tecnoloxías, métodos e procesos innovadores que contribúan á redución do consumo de enerxía e a contaminación e a facilitar o uso intelixente dos recursos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.