Primeiras enquisas: Baixada de PSOE e Podemos, suba de PP e Vox e o BNG pendente de escano

Unha enquisa da FORTA-RTVE e outra de Sondaxe apuntan a un empate entre PP e PSOE en Galicia. BNG e VOX pelexan por un escano. Cs afundiriase.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/11/2019 | Actualizada ás 20:22

Comparte esta noticia

As primeiras enquisas a pé de urna confirman o que xa apuntaban os estudos demoscópicos da pasada semana e o que xa avanzou o Galicia Confidencial esta fin de semana; a caída de PSOE e Podemos e a suba de PP e Vox. Cs afundiriase e o BNG competiría coa ultradereita por un escano na Coruña.

Enquisa de GAD3 para a Forta e TVE
Enquisa de GAD3 para a Forta e TVE

En Galicia a situación sería semellante a de hai sete meses, coa diferenza de que hai un escano en xogo que podería ir, ou ben para a ultradereita de Vox, ou ben para o BNG. Así, un inquérito de GAD3 para a Forta e TVE apunta a un empate a dez escanos entre PP e PSOE, En Común Unidas Podemos mantería os seus dous e Vox e o BNG competirían por unha acta.

Pola súa banda, a enquisa de Sondaxe para La Vox repite os mesmos resultados coa salvedade de que neste estudo demoscópico o deputado que perde o PSOE en Galicia iría para Vox e non para o BNG.

RESULTADOS ESTATAIS

Pola súa banda, no conxunto do Estado os principais beneficiados serían o PP e a ultradereita. O PSOE sería o gañador dos comicios pero baixaría con respecto ás eleccións de abril. Obtería entre 114 e 119 escanos. O segundo partido sería o PP que subiría ata os 85 ou 90 e de terceira forza no Estado situariase a ultradereita que multiplicaría os escanos de abril para situarse con 56 e 59.

Pola súa banda, Podemos baixaría dez escano e quedarían con entre 30 e 34 actas e o gran batacazo sería para Ciudadanos que perdería máis de tres quintas partes dos seus apoios e pasaría a entre 14 e 15 actas. A formación de Íñigo Errejón, quedaría tan só con tres actas.

Os novos comicios tamén suporían un retroceso para ERC, que obtería entre 14 e 13. JuntsxCat sacaría entre 6 e 7 e entraría no Congreso as CUP con entre tres e catro, os mesmos que EH-Bildu. Pola súa banda, tamén repetirían Coalición Canaria- Nueva Canaria con dous escanos e logo, pendente da súa entrada no Congreso estarían o Partido Rexionalista de Cantabria e a nova formación, Teruel Existe.

OUTRAS ENQUISAS

Tamén outro inquérito El Español victoria ao PSOE con entre 112 e 118, PP entre 92 e 87 e Vox entre 58 e 52 e Podemos de 36 a 40, Cs entre 16 e 11 e Más País entre 0 e 5. ERC quedaría con entre 14 e 11 e o BNG quedaría sen representación.

Pola súa banda, La Razón dálle entre 118 e 115 escanos ao PSOE, entre 97 e 95 ao PP, de 46 a 44 a Vox; 32-31 a UP; 15-14 a Cs e entre 4 e 2 a Más País. Esta sondaxe dálle un escano ao BNG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta