Temas: ELECCIóNS 10N

Máis de 310.000 votos quedaron sen escano en Galicia, case un 60% ligados á dereita

O bloque de esquerdas supera o de dereitas en apoios en territorio galego e son máis as forzas que logran representación a pesar da maior fragmentación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/11/2019 | Actualizada ás 15:57

Comparte esta noticia

Un total de 310.691 votos nas catro provincias galegas quedaron sen representación no Congreso tras a cita coas urnas do pasado domingo. O maior número de papeletas sen escano acumúlase en partidos do espectro ideolóxico de dereitas (un 57,4% --178.469--), mentres que o 42,5% restante (132.222) correspóndese con apoios a formacións do ámbito da esquerda.

Os galegos acoden a votar ás eleccións xerais o 10 de novembro de 2019
Os galegos acoden a votar ás eleccións xerais o 10 de novembro de 2019 | Fonte: Europa Press

Os datos reflicten que, aínda que o maior impacto no que respecta a votos sen escano se sitúa na dereita e centro dereita (fundamentalmente Vox e Ciudadanos, cunha residual Converxencia 21 en Lugo), nas provincias interiores os sufraxios ligados á esquerda (En Común Unidas Podemos, BNG, Más País, Pacma, Recortes Cero, PCOE, PUM+J, PCTG e Escanos en Branco) que non obteñen representación superan aos de dereitas.

Deste xeito, en Lugo o bloque de esquerdas suma 31.020 papeletas sen escano fronte a 20.247 da dereita; mentres que en Ourense os votos sen representación no ámbito de esquerda ascenden a 25.093 fronte a 19.156 do centro dereita.

Na Coruña e Pontevedra, coas urbes máis poboadas no seu territorio, o efecto é o contrario: na provincia coruñesa 77.836 votos sen escano sitúanse no bloque da dereita, fronte a 20.419 da esquerda; e na pontevedresa, 61.230 sufraxios sen representación están ligados a partidos de dereitas, fronte a 55.690 vinculados á esquerda.

BLOQUE DE CENTRO DEREITA

O bloque de centro dereita que aglutina en Galicia os votos sen escano compono Vox e Cs, aínda que Converxencia 21, que se autodefine como de centro reformista e liberal, logra 64 votos en Lugo.

Con Vox en ascenso (sobe case tres puntos en relación a abril, ata os 114.834 votos, quinta forza en Galicia) e pese á desfeita en Cs, que cae case sete puntos (ata quedar con 63.571 papeletas) e colócase detrás do partido de Santiago Abascal na táboa autonómica de resultados, ambas as forzas rozan os case 180.000 votos sen escano.

Nesta conxuntura, ás portas dunhas eleccións autonómicas e a pesar de defender a tese de que os resultados "non son extrapolables", non é de estrañar que o PP galego, con Alberto Núñez Feijóo á fronte, reforce o que foi a súa principal mensaxe na campaña: o "divide e vencerás" beneficia a esquerda e apoiar a Vox é "máis BNG".

Fontes do PP galego recoñeceron que seguirán traballando e "farán pedagoxía" para que os cidadáns que simpatizan co centro dereita sexan conscientes dos riscos de dividir o voto. Conseguir que cale esta mensaxe sería fundamental para manter a opción de preservar a maioría absoluta nun escenario político marcado pola fragmentación.

CLAVES NA DEREITA: CANDIDATOS E ESTRUTURA TERRITORIAL

Pero hai varias incertezas máis sobre a mesa tanto no PPdeG como en Vox e en Cs, que previsiblemente influirán nos resultados. Como se presentarían, de facelo, o partido de Abascal e a formación laranxa ás autonómicas? Como farían a campaña en Galicia?

E é que, aínda que é innegable o ascenso do partido de Abascal en pouco tempo, é certo que Galicia é unha das comunidades nas que a ultradereita non logra escanos e carece dunha estrutura territorial da que tería que dotarse en pouco tempo. A seguinte pregunta que queda sobre a mesa é quen sería o candidato.

Un interrogante que se estende a Ciudadanos, un partido que, aínda que con varias crises e baixas, si lograra avances na implantación en Galicia. Pero agora, tras a desfeita do pasado domingo en toda España, queda nunha situación de debilidade. Terá que empezar por resolver os seus problemas internos e renovar o seu liderado no plano estatal tras a dimisión de Albert Rivera.

Mentres, o PPdeG tampouco ten aínda confirmación 'oficial' de candidato, pero internamente confíase, como principal baza, en que Feijóo concorra por cuarta vez. E é que a alternativa á maioría absoluta para que o PPdeG poida manter o Goberno galego pasa porque entre un socio do centro dereita no Parlamento, o que, paradoxalmente, podería dificultar tamén a fragmentación.

BLOQUE DE ESQUERDAS

Ao tempo, do total de 132.222 votos a formacións do ámbito da esquerda que non conseguiron representación na Cámara baixa, o maior número correspóndese cos apoios que o BNG tivo nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra e que ascenden a 61.832.

Con todo, os nacionalistas volven ao Congreso grazas aos 57.765 apoios que Néstor Rego tivo pola Coruña e que se traducen nun escano. Este logro dá forza á mensaxe nacionalista, con Ana Pontón como portavoz principal, de cara ás futuras autonómicas.

O BNG chocou sucesivamente nas últimas eleccións cun teito. A ruptura de Amio deixou tocada á formación en 2012, mentres que se fortaleceu unha alternativa rupturista de "unidade popular" inicialmente encabezada por Xosé Manuel Beiras, que se foi transformando e tamén dividíndose nos últimos tempos.

Deste xeito, nos últimos comicios non obtiveron acta os 29.683 sufraxios que En Común Unidas Podemos (candidatura de Podemos e EU) nas circunscricións de Lugo e Ourense. A eles súmase o total de 22.474 rexistrados polo partido de Íñigo Errejón Más País.

Pese ao retroceso evidente de En Común, o certo é que preservou os dous escanos das provincias litorais e unha importante porcentaxe de voto concentrado, sobre todo, no ámbito urbano (onde están implantadas con máis forza as mareas locais).

INCÓGNITAS Á ESQUERDA

A principal incógnita coa vista nas próximas autonómicas é se se poderá recompor unha candidatura de unidade popular despois de que Luís Villares, líder de En Marea, abandonase cos seus deputados afíns o grupo no Pazo do Hórreo no que permanecen EU, Podemos e Anova. Anova quedou á marxe destas xerais, igual que en abril, aínda que as súas outros dous compañeiros de grupo si se presentaron xuntos.

Quen optou por un paso distinto ao de abril foi En Marea, que non se presentou o domingo. Está por ver que fará ante as autonómicas e cal será o papel de Villares. Outra formación do espectro galeguista que non concorreu foi Compromiso por Galicia, que directamente pediu o voto para o BNG ocupando algún posto simbólico nas súas candidaturas.

O bloque de esquerdas en Galicia (que supera no seu conxunto en apoios ao de dereitas) lidérao o PSdeG de Gonzalo Caballero, que, a pesar de baixar e quedar como segunda forza, mantense nunha porcentaxe de apoios superior ao 30%, moi pegado ao do PPdeG.

Caballero ve factible romper a maioría absoluta do PP galego e, se isto ocorre, dá por feito que liderará un goberno que representaría a "unha maioría progresista". O pasado domingo, se do bloque de dereitas só o PP obtivo representantes nas Cortes, do bloque de esquerdas lógrano PSdeG, Unidas Podemos e BNG, aínda que rexistrando unha maior fragmentación.

PARTIDOS CON MENOS DO 1% DO VOTO

Á marxe, ata seis candidaturas vinculadas á esquerda quedaron por baixo do 1% da porcentaxe de voto e moi lonxe de obter escano. Catro concorreron por todas as provincias galegas: Pacma, que tivo un total de 10.916 votos en Galicia (0,73%); Recortes Cero, que rexistrou 2.087 votos (0,14%); Por un mundo máis xusto, 1.505 apoios (0,10%); así como Partido Comunista dos Traballadores (PCTG), con 1.200 votos (0,08%).

O Partido Comunista Obreiro Español (PCOE), que se presentou na Coruña e Lugo, logrou 1.844 votos (0,13%); e Escanos en Branco obtivo 681 papeletas (0,05%) en Pontevedra.

Temas: ELECCIóNS 10N
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta