'Eles tamén poden': a campaña para gozar de Santiago "sen ter que deixar o can na casa"

A iniciativa visibiliza os establecementos 'dogfriendly', que son aqueles que permiten a entrada de cans e que se identifican cun adhesivo.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2019 | Actualizada ás 21:24

Comparte esta noticia

Cada vez máis locais de Santiago de Compostela se unen a “Eles tamén poden”, unha campaña cidadá que reúne os establecementos dogfriendly. Ópticas, bares, tendas de discos, estancos, tendas de roupa, cafeterías... xa se adscribiron a esta iniciativa que ten como obxectivo visibilizar os locais nos que se pode entrar con cans.

O adhesivo 'Eles tamén poden' na libraría Follas Novas
O adhesivo 'Eles tamén poden' na libraría Follas Novas | Fonte: Eles tamén poden

Na cidade está medrando o movemento dogfriendly e os impulsores da iniciativa teñen como expectativas que máis de 100 establecementos teñan na súa porta ou no seu escaparate o adhesivo identificativo. En Santiago hai censados 14.133 cans e cadelas, polo que son moitas as persoas que condicionan a súa forma de vida en función da súa mascota. A fin, indican, é "axudar a compostelás e turistas a que poidan facer calquera actividade sen ter que prescindir da compañía do seu can".

“Eles tamén poden” é unha iniciativa posta en marcha polo alumando da Facultade de Ciencias da Comunicación, que desenvolveu unha páxina web creada para axudar a coñecer os locais que xa se uniron á campaña. A través dun mapa interactivo da cidade coa localización dos establecementos, o nome e un enlace, a web crea unha ruta en Google Maps para chegar a eles. Ademais, a iniciativa vén acompañada dun vídeo promocional e unha forma de contacto para todos aqueles que queiran poñer o adhesivo na súa porta ou escaparate.

Xunto con esta páxina, tamén se poden encontrar novas da campaña en Instagram a través do perfil @elestamenpoden, onde se subirán as fotografías dos establecementos que se van unindo á iniciativa.

Polo de agora, xa son máis de 20: Amancio Deportes A, Carlin Compostela, Ferretería Boel, Follas Novas, Incontiencia Suma, Pijus Magnifikus, Doña Camiseta, Discos funk, Electrónica JES, Bazar La Camelia, Libraría en Rosalía, Óptica La gafa de oro, Mercería en Rúa Vilar, Xeitosa (Tenda de roupa), Le Petit Coin Boutique (Tenda de roupa), El peregrino, Tenda da Catedral, Estanco no9, Xoiaría Alrif, Abogados Matovelle, Óptica Pérez Vila, Zapatería Castaño, Luscofusco, El muelle e A Cesta da Saúde.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta