Modelos dixitais en 3D de decenas de pezas artísticas da Catedral de Santiago

Este proxecto da Fundación Catedral resulta útil para a restauración do patrimonio e a súa divulgación sen ter que manipulalo fisicamente.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2019 | Actualizada ás 19:26

Comparte esta noticia

Os sepulcros do Panteón Real, as esculturas de Praterías ou a Porta Santa da Catedral de Santiago serán algunhas das 75 pezas artísticas que aparecerán recollidas con tecnoloxía 3D nunha páxina web e poderán ser reproducidas con exactitude grazas ás técnicas de dixitalización.

Traballos de escaneado 3D dos sepulcros do Panteón Real da Catedral de Santiago
Traballos de escaneado 3D dos sepulcros do Panteón Real da Catedral de Santiago | Fonte: Europa Press

Trátase dun proxecto liderado pola Fundación Catedral e ideado polo Museo da basílica compostelá que ademais se atopa enmarcado na liña de axudas 'O teu Xacobeo', promovida pola Xunta de Galicia de cara á celebración do Ano Santo 2021.

En concreto, os traballos de fotografado e escaneado comezaron con varios relicarios e os sepulcros do Panteón Real e continuarán máis adiante con algunhas pezas expostas no Museo, coas esculturas da fachada de Praterías e a Porta Santa.

Segundo a Fundación Catedral, trátase dunha idea na que "se traballa desde hai tempo" debido á "importancia de documentar as pezas e a grande oportunidade que ofrece o 3D á hora de estudalas". Non en balde, tamén podería ser útil "para futuras restauracións".

E é que a pesar de que a fotografía convencional exerceu e exerce ata agora "un papel fundamental" para a divulgación no mundo patrimonial, coa chegada dos modelos tridimensionais e novos aparellos de captura de imaxe "amplíanse as funcións que achega a fotografía e ábrese todo un abano de novas aplicacións", tal e como consta na descrición do proxecto.

REPRODUCIÓNS "PERFECTAS E EXACTAS"

Ademais, a dixitalización ofrece a posibilidade "de imprimir ou fresar o modelo nun material sólido" e en varios tamaños para usos diversos, o que incluiría a elaboración de, por exemplo, pequenas reproducións da Porta Santa.

A obtención dunha réplica dixital "perfecta e exacta" pode resultar útil tamén para fins editoriais e pedagóxicos en congresos e exposicións. "É interesante apuntar a posibilidade de elaborar vídeos desas pezas partindo dos modelos 3D resaltando encadres, ángulos, iluminación e cadencias que interesen", destacan.

Así mesmo, recoñécese que un factor bastante importante deste modelo de captura é a súa "nula agresividade" na manipulación do patrimonio, xa que non é necesario o contacto físico coas pezas durante o proceso de dixitalización. Para iso, utilízanse dúas técnicas complementarias: a fotogrametría e o escaneado láser.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta