A oposición recorda á Xunta os pactos do PP con Vox nun debate sobre violencia machista

O vicepresidente galego avanza a construción de novos centro de atención a vítimas e reclama a implicación das entidades locais.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/11/2019 | Actualizada ás 15:42

Comparte esta noticia

A comparecencia no pleno do Parlamento de Galicia do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, para informar do desenvolvemento  do Pacto de Estado sobre Violencia de Xénero derivou nun enfrontamento entre o Partido Popular e os grupos da oposición polas alianzas duns e outros a nivel estatal.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, no Parlamento
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, no Parlamento | Fonte: Europa Press

Nas súas quendas de intervención durante a sesión plenaria que este martes acolle o Pazo do Hórreo, os grupos da oposición (PSdeG, Común da Esquerda, BNG e En Marea) afearon ao PP as súas alianzas con "un partido negacionista" como Vox en diferentes partes do Estado, acusacións das que os populares, a través da súa deputada Paula Prado e o propio número dous do Goberno galego, se defenderon diferenciándose do seu partido a nivel estatal.

"Non temos pactos con Vox, non hai ningún representante en Galicia cos que pactar", subliñou o vicepresidente, Alfonso Rueda, que lembrou que o partido que lidera Santiago Abascal non ten concelleiros en ningún municipio galego nin deputados electos na Cámara galega.

"O PP só pacta cos galegos nas urnas. Parece que están a chamar [na oposición] a que entren na Cámara outros partidos", manifestou, pola súa banda, Paula Prado, que afeou ao resto de grupos que "se aparten dos consensos" ao redor da violencia machista e tenten "apropiarse" do movemento feminista.

A viceportavoz dos populares no Parlamento tamén aproveitou a súa intervención para cargar contra Podemos e o seu líder, Pablo Iglesias; e dirixiuse a PSdeG e BNG para preguntarlles se "van apoiar" que o dirixente "que dixo dunha presentadora que a azoutaría ata que se sangrase" e que encabeza un partido "no que Carolina Bescansa dixo ser apartada por ser muller" sexa o vicepresidente dun goberno "de ultraesquerda e radical".

MEDIDAS DO PACTO EN GALICIA

Alfonso Rueda iniciou a súa intervención ante a Cámara, que se produce días antes do 25 de novembro —xornada na que se conmemora o Día contra a violencia de xénero—, apelando á educación como mellor vía para previr a violencia contra a muller.

O obxectivo da súa presenza no Parlamento era detallar as actuacións desenvolvidas e os plans a futuro en Galicia ao amparo dos fondos distribuídos desde a Administración central a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, aprobado no ano 2017 polo Congreso dos Deputados e que inclúe 300 medidas a implementar nos distintos niveis da administración.

Rueda puxo o foco en que Galicia "non partía de cero", xa que 67 das 115 medidas orientadas ás autonomías "xa estaban moi avanzadas" na súa implantación en territorio galego grazas á aprobación na lei aprobada no ano 2007.

Deste xeito, o número dous do Executivo galego, tras incidir en que a previsión é que a partir do ano 2020 "se normalice" a xestión dos fondos procedentes do pacto de Estado para a violencia de xénero, avanzou que a Xunta construirá o próximo ano novos Puntos de Encontro Familiar (PEF), aínda que non entrou en detalle sobre o número e onde se situarán.

PLANS DE EMPREGO

En canto aos plans de emprego, Rueda destacou que 79 mulleres foron contratadas a través dos programas orientados a concellos, que obtiveron "un enorme éxito" que fixo que se acabasen en dúas ocasións a liña de crédito consignada pola Administración para estes plans.

Por contra, recoñeceu que o programa para a contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero no rural "non arrincou con todo o éxito" que a Xunta esperaba, pois só 13 persoas foron contratadas ao amparo deste plan, desenvolvido entre Vicepresidencia e a Consellería do Medio Rural cunha dotación de 600.000 euros para a incorporación de mulleres a empresas do sector agrario e forestal.

Así, subliñou que a Administración galega é "consciente" das características das mulleres residentes no rural que padecen violencia de xénero, polo que apelan a continuar "incidindo" para chegar a este colectivo e "axudalas a dar este paso fundamental".

PLAN FÉNIX E VIVENDA

Outro dos aspectos resaltados polo número dous do Executivo galego foi o plan de impulso a vivendas ao que se dedicaron un total de 1,5 millóns de euros e a través do cal se concederon alugueres sociais para 51 mulleres en toda Galicia (14 na Coruña, cinco en Lugo, oito en Ourense e 24 en Pontevedra).

En canto ás medidas nas que traballa a Xunta, Rueda avanzou a posta en marcha dunha "iniciativa pioneira" no ámbito xudicial que, a través da colaboración con Fiscalía, pretende avanzar na "reeducación" de menores con medidas xudiciais por violencia. O programa vivirá este ano a súa experiencia piloto en Lugo.

Ademais, de cara ao próximo ano, o Goberno galego prevé crear un plan para lograr que as bases de datos das distintas administracións públicas estean interconectadas e poidan compartir información.

En canto a educación e deporte, ámbito este último que, segundo Rueda, permite unha maior concienciación entre a sociedade, a Xunta destinou uns 4 millóns de euros para a implantación de plans de igualdade nos centros educativos e contratos de patrocinio con deportistas olímpicos (25), clubs profesionais (seis) e amateurs (191), e federacións (33).

OPOSICIÓN

Por parte dos grupos da oposición, a deputada socialista María Pierres lamentou que a Xunta "obvie" os problemas que presentan certas infraestruturas que prestan atención ás vítimas con centros que teñen "humidades" ou trabas de "accesibilidade", aspectos que deben ser atendidos cos fondos procedentes do pacto.

Para Paula Quinteiro (Común da Esquerda), a Xunta cae na "contradición" de expresar a súa condena á violencia machista pero "permitir" a "propaganda machista" do colectivo HazteOír nos colexios ou manter os concertos con colexios que segregan por sexo. A membro de Podemos tamén reclamou que se aumenten as partidas para atención a vítimas de agresións sexuais "porque 50.000 euros non son suficientes".

Noa Presas (BNG) apelou a que se aumenten as prazas dos centros de atención ás vítimas, á vez que insistiu en que o combate da violencia de xénero debe afrontarse desde un incremento das partidas económicas que se dedican por parte das administracións públicas.

Por último, Paula Verao (En Marea) criticou ao Goberno galego por "esquecer" que "foi" o movemento feminista quen logrou os avances na loita contra a violencia machista. Así mesmo, pediu "cero cesións e cero retrocesos" ante "esas forzas que negan a violencia contra as mulleres".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta