Común da Esquerda pide incluír a educación afectivo-sexual desde os 3 anos ata a universidade

Todos os grupos avogan por chegar a pactos para adoptar os acordos da Unesco e incluír esta formación en toda a educación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/11/2019 | Actualizada ás 19:50

Comparte esta noticia

O Grupo Común da Esquerda pediu instar á Xunta de Galicia a adoptar as indicacións da Unesco e garantir que os alumnos conten na escola con educación afectivo sexual desde os 3 anos ata a universidade.

A deputada de Grupo Común da Esquerda Luca Chao.
A deputada de Grupo Común da Esquerda Luca Chao.

A proposición non de lei foi defendida pola deputada Luca Chao, quen asegurou que a "igualdade non é opcional" e explicou que a educación integral en sexualidade que propón a Unesco caracterízase por ser cientificamente precisa, gradual, axeitada ás idades e etapas do desenvolvemento dos nenos e nenas, favorable á satisfacción dos dereitos humanos e con base na igualdade de xénero.

Unha consideración que situou como un bo punto de partida para repensar a "escasa" educación afectiva e sexual que recibe a mocidade galega e que, segundo indicou, "se reduce unicamente a cursos e talleres que se imparten desde a rede de centros Quérote".

No debate, os restantes grupos da Cámara situáronse a favor de chegar a acordos sobre esta medida aínda que con diferentes posicionamentos. Así, en primeiro lugar, a deputada do Grupo Mixto Paula Vázquez Verao considerou "importante" que este tipo de educación empece na infancia para "previr o machismo" e os "roles diferenciados".

Ademais, presentou unha emenda, á que o Grupo Común da Esquerda avanzou o seu rexeitamento, mediante a que pedía, entre outras cuestións, un Plan galego de educación afectivo sexual para 2020 e a posta en marcha de programas piloto para a integración da educación social e a enfermaría nos centros educativos.

Con todo, a deputada do Grupo Común da Esquerda Luca Chao si avanzou que aceptará nas votacións do mércores unha emenda formulada polo Grupo Parlamentario Popular co obxectivo de axuntar consensos neste tema.

En concreto, foi a parlamentaria María Antón quen presentou a emenda dos populares galegos, que pedía substituír o texto resolutivo por outro para "instar á Xunta a buscar a colaboración doutras institucións ou entidades, concretamente as universidades galegas, para deseñar novas medidas para potenciar a educación emocional afectivo-sexual en todos os niveis da educación galega".

E é que, conforme sinalou a deputada do PPdeG, a "acción do Goberno da Xunta coincide co espírito da Unesco". "Medo ningún, rigorosidade toda, non podemos concordar con vostede na afirmación de que en Galicia este tipo de educación se reduce a cursos e talleres dos centros Quérote", sinalou.

Presentadas as emendas polos grupos autores, tanto o BNG como os socialistas avanzaron o seu apoio á iniciativa dos comúns. Así, en primeiro lugar, a deputada nacionalista Olalla Rodil lamentou que a industria pornográfica sexa a "fonte de información única" para a mocidade e para a "práctica totalidade da sociedade".

"Non se fala no ámbito público e pouco no privado da afectividade sexual desde unha visión integral", lamentou Rodil, que pediu facer "unha análise da situación de partida" para planificar unha estratexia sobre esta materia.

Pola súa banda, o socialista Luís Álvarez destacou a pertinencia desta iniciativa tendo en conta que "os expertos en educación e sexualidade cren firmemente que os programas" deste tipo de formación teñen potencialidade tanto para contribuír a mellorar a saúde a longo prazo como para reducir a violencia de xénero e a discriminación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta