A Xunta di que en 2020 os xulgados estarán equipados para evitar que vítimas e maltratadores se vexan

Ante a crítica de Común da Esquerda sobre a "carencia" de xulgados específicos, Alfonso Rueda manifestou que a Xunta "si" trasladou ao Ministerio de Xustiza a disposición a asumir novos órganos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2019 | Actualizada ás 16:01

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que nos próximos tres anos levarán a cabo obras nas dependencias xudiciais de Galicia para conseguir que todos os xulgados estean equipados de modo que as vítimas de violencia de xénero poidan evitar atoparse co seu maltratador cando vaian prestar declaración.

En resposta a unha interpelación formulada pola deputada de Común da Esquerda Carmen Santos, o número dous do Executivo autonómico subliñou que existe un plan de obras para dotar de instalacións separadas aos órganos xudiciais que, na actualidade, non dispoñen de entradas ou salas que permitan ás vítimas non ver ao seu agresor.

Deste xeito, indicou que en 2019 se levaron 14 actuacións en distintas dependencias xudiciais de Galicia e que para o próximo ano están previstas outras doce, mesmo número que as proxectadas para o ano 2020, cando a Xunta espera que todos os edificios xudiciais estean equipados para evitar esta problemática.

Doutra banda, ante a crítica da parlamentaria de Común da Esquerda sobre a "carencia" de xulgados específicos de violencia de xénero en Galicia, Alfonso Rueda manifestou que a Xunta "si" trasladou ao Ministerio de Xustiza, a través da comisión mixta, que están dispostos a asumir novos órganos na comunidade.

"Tamén dixemos que se había unha comunidade autónoma que non quería asumir ese gasto, nós fariámolo sen problemas", sinalou Rueda, que lamentou que non leve a cabo a "comarcalización" dos xulgados en Galicia.

"Gustaríanos que abrazasen tanto esa reclamación (novos xulgados) como fixeron cos 700 millóns", aseverou Carmen Santos, que criticou a "falta de recursos" para implementar as medidas incluídas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, entre elas, a propia separación das dependencias xudiciais para evitar os encontros entre vítima e agresor.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, nos xulgados de Ourense.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, nos xulgados de Ourense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta