A Xunta erixe a educación galega na "máis inclusiva" de España

Ánxeles Cuña (Grupo Común da Esquerda) considera que esta afirmación é un "slogan propagandístico sen fundamento real". Carmen Pomar tamén propuxo mellorar a formación inicial dos docentes e avogou por poñer en marcha unha especie de MIR para profesores.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2019 | Actualizada ás 16:57

Comparte esta noticia

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, erixiu a educación galega na "máis inclusiva" de España e puxo en valor o modelo da Xunta para abordar a atención á diversidade.

En resposta a unha interpelación formulada no pleno da Cámara galega pola deputada do Grupo Común da Esquerda Ánxeles Cuña, a titular de Educación subliñou que este modelo "inclúe normativa, tanto estatal como autonómica". "Non estamos a mirar, estamos a facer", asegurou.

Carmen Pomar indicou que este modelo tamén inclúe "recursos", tanto materiais como humanos, innovación a través do deseño de instrumentos, así como formación en atención á diversidade para os docentes. A iso sumou a existencia da rede de orientación educativa que, conforme sinalou, garante que "todos os centros educativos" conten con este servizo "independentemente de que haxa orientadores compartidos". "Pero todos os centros contan con este servizo", subliñou.

"Este enfoque global", conforme apuntou, "contribúe a que a educación galega sexa a máis inclusiva de España". "Somos conscientes de que Galicia, potenciando o que funciona, debe actualizar o seu modelo educativo para os cidadáns do século XXI", sinalou para asegurar que este curso se reformará aínda máis a aposta pola atención á diversidade e a escola inclusiva.

Así, avanzou que a Xunta activará unha estratexia inclusión 2020-2025, cunha actualización da normativa de atención á diversidade.

Pola súa banda, a parlamentaria do Grupo Común da Esquerda Ánxeles Cuña considerou que a afirmación da Xunta de que a educación galega é a máis inclusiva do Estado non é máis que un "slogan propagandístico sen fundamento real". "A mera asignación do alumnado a centros ordinarios non garante a inclusión", asegurou a deputada, que considerou que a "igualdade non é unha opción política". "É unha obrigación", subliñou. "Hai 11 anos que asinamos a Declaración de Dereitos das Persoas con Discapacidade da ONU e queda moito por facer", apuntou.

A conselleira de Educación, Carmen Pomar. XUNTA
A conselleira de Educación, Carmen Pomar. XUNTA

FORMACIÓN DE DOCENTES

Carmen Pomar tamén propuxo mellorar a formación inicial dos docentes e avogou por "reconducir a posibilidade" de pór en marcha unha especie de MIR para profesores.

Así o destacou en resposta a unha pregunta formulada pola deputada do PP María Antón durante o pleno da Cámara galega, no que Carmen Pomar considerou importante propiciar que os docentes e os equipos directivos "estean ao día".

Con este obxectivo, sinalou que a Xunta aposta pola formación permanente a través da aprendizaxe de linguas estranxeiras, de novas competencias científico técnicas, así como de contidos en igualdade, entre outras cuestións.

Con todo, considerou que non se debe esquecer a necesidade de que os futuros docentes conten con "unha boa formación inicial" e lembrou que os datos do OCDE alertan de que un 52% dos profesores asegura "non sentirse preparado". "Desde Galicia queremos volver reclamar a necesidade de mellorar a formación inicial" destes profesionais, sinalou a conselleria, que pediu que se analicen formas como o MIR para profesores.

Deste xeito, emprazou ao novo goberno do Estado a abordar cuestións como esta proba ou a elaboración dun estatuto da función docente que teña en conta a opinión das comunidades e dos sindicatos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta