Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2019 | Actualizada ás 19:04
Un total de 18 producións audiovisuais galegas serán presentadas ante directivos de canles e operadoras ao longo dos próximos días en Pontevedra, que acolle desde este mércores a trixésimo terceira edición do encontro 'I+P. Ideas para producir'.
A inauguración das xornadas tivo lugar na mañá deste mércores con presenza do rexedor pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e o presidente do Clúster Audiovisual de Galicia (Clag), Jorge Algora.
O evento, organizado polo Clag, servirá para que creadores de contidos presenten as súas propostas ante responsables de produtoras, canles e distribuidoras, cos que manterán reunións personalizadas de cara a explorar acordos para levalas á pantalla.
Así, na 13ª edición de 'Ideas para producir' danse cita representantes de RTVE, Mediaset, Movistar+, CRTVG, Aragón TV, TV3, Euskaltel, Filmax, A contracorriente Films, DeAPlaneta, Portocabo e Atípica Films.
Estes responsables de contidos de operadoras e canles poderán coñecer de primeira man as propostas de case unha vintena de creadores galegos que presentarán os seus proxectos para longametraxes, series documentais, series de ficción e animación.
Entre elas figuran tres documentais, un deles sobre a figura de María Casares da produtora Agallas Films; sete series de ficción, seis longametraxes e a serie de animación 'Os contos de Ori', de Producións vigo e EISV.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.