Frete de esperanzas no Iria

'Iria', de Anxo Angueira e editada por Xerais é a obra que analiza esta semana X.M. Eyré. Unha novela desconcertante para lectores clásicos pero atrainte para quen non se sinta atado aos cánones xenéricos.

Por Xosé M. Eyré | Vigo | 18/07/2012 | Actualizada ás 12:03

Comparte esta noticia

Título: Iria

Editorial: Xerais

Acontece cando o xenio humano se libera  das ataduras que o apreixan ao condicionar a súa expresión, os resultados, as criaturas son magníficas e exemplares. Xeniais, lóxico. Exemplares, porque adoitan ser á vez mensaxe e exemplo do que pode dar de si a liberdade compositiva, neste caso escritural. Moito se ten escrito a redor da morte ou invalidez dos xéneros na literatura actual, moito. E nós temos defendido que aínda segue sendo útil sobre todo para o lector, que ten nel unha primeira información (para el moi importante) a cerca da temática nuclear. O resultado é cando menos curioso: van agromando novos nomes de lectores que para os lectores funcionan como clásicos ( Ameixeiras, Villar) mentres que para a crítica  non acadaron aínda tal cualificativo, adoitan ser os mesmos lectores que sofren diante de textos que non seguen as directrices xenéricas. Ás autoridades educativas compete que os dous lectorados non se fraccionen, e é  moita a responsabilidade que recae en historia de exemplos tan nefastos.

O Iria de Anxo Angueira, é un extraordinario exemplo dos resultados que se obteñen cando o xenio fica liberado de ataduras. Unha novela desconcertante para lectores clásicos, xenial para quen non se sinta atado aos cánones xenéricos. Porque Anxo Angueira sabe que quere transmitir unha historia de longo alento, escolle a prosa. Mais iso non impide que se manifeste como poeta cando o que quere escribir o sente desde as coordenadas da poesía, aínda que a forma sexa prosística ou narrativa. Como mínimo vai sendo hora de repensar os xéneros,  e se cadra cara a nova definfición que os describa desde o estado de ánimo que determinada historia provoca primeiro no escritor ( o primeiro  en ler o que se vai contar) e logo no lector.

Deste xeito Iria integra diferentes rexistros escriturais ( que á súa vez comportan diferentes tipos de lectura). Como por exemplo as metáforas. E, sobre todo os símbolos. Os símbolos son moi importantes, tascendentais. Non podemos deixar de mancionar algúns.  Xa en si a novela é un símbolo e remata (“E agarda por ela. E garda por ela. E agarda por ela”) dun xeito que lembra Na noite estrelecida, que lembra e actualiza a mensaxe de Ramón Cabanillas; un símbolo tamén é o propio galeón, o Iria, que se contrapón a outro símbolo como é o Instituto Nacional de Colonización que realiza os traballos para o regadío ( en terras de Iria, entre o Ulla e o Sar!), uns traballos inútiles, estúpidos, risíbeis mentres no Iria viaxa un frete de alboradas de cara á liberación nacional. Os traballos do Instituto Nacional de colonización…onde os traballadores len e os xefes só son pintamonas de de discurso cómico. Outro símbolo, outro símbolo no fondo e na cima, son os afogados; toda a novela é unha novela de afogados, xentes que, por esta ou por aquela causa, afogan, de xeito que para non afogar na imbecilidade do Instituto Nacional de Colonización cómpre navegar no Iria… Os acontecemenos da Castrelo de Miño son un exemplo do útiles que resultan os símbolos para a xente, porque son exemplos da barbarie (capitalista, foránea) que por capricho abre fendas no país sen importarlle o máis mínimo…O mesmo 25 de Xullo, o Día da Patria Galega é outro símbolo que percorre a novela ( sobre todo na segunda metade), un símbolo da loita pola liberación das poutas que abren fendas  e destrúen o país ( nonse esquezan os panflertos da UPG). Dieste, Otero Pedraio, Valle Inclán, Cabanillas, Aquilino Iglesia Alvariño, Rodríguez Mourullo, Manuel Antonio, Castelao, Ferrín…son nomes, obras, coas que se establecen intertextualidade e que funcionan tamén como símbolos ( para os obreiros, para todos nós). Aos que hai que engadir a revista, editada en México, Vieiros; e a música ( A Alborada, o Venceremos Nós...); e, sobre todo, sobre todo, Rosalía de Castro, pois o tratamento da paisaxe lémbraa constantemente, constantemente.

Nin é allea son alleas a estes símbolos a épica. A épica dos traballadores, dos traballadores da Ocupación do Instituto de Colonización, mais tamén a épica fabril e mariñeira, igual que a épica da construcón nacional, de fondo e como labirinto ( nunca deixamos de ter presente, na lectura, o Bretaña Esmeraldina) e, fundamentalmente, como esperanza.

De xeito que, non podería ser doutra maneira, o texto desta novela de Anxo Angueira, é dúctil, como a auga, e permite o agromar dos diferentes rexistros, un agromar de tendencia unívoca, que no dicurso se van manifestando. Dúctil e por iso moi compacto, e inconfundíbel, como a auga do amr. Na mesma liña de Pensa nao. Historia de épica traballadora que é tamén, nunha das súas partes, historia de amor ( á Patria, á muller, ao mar de Arousa). Para ler e reler, para encontrar, para reencontrar, para seguir tendo esperanza, a esperanza que guie na incesante loita contra o capitalismo e pola liberación nacional.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta