Falan os profesionais: cal é o modelo de educación do século XXI ante o aumento da agresividade do alumnado?

O informe do Defensor do Profesor alerta dun fenómeno que pode condicionar o sistema educativo; o aumento da conflitividade nas aulas e, sobre todo, as idades temperás nas que algún alumnado reta ao profesorado. Detrás desta conflitividade apuntan a que pode haber unha situación económica inestable no fogar, a sobreprotección dos máis novos ou unha falta de empatía. Os profesores consideran que a Administración non actúa por medo ás reaccións dos pais de alumnos.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 26/11/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A conflictividade entre alumnos e profesores non é nada novo, pero nos últimos anos vai en aumento. Unha situación que está provocando a reacción do colectivo de profesores que ven como a Xunta non fai nada ata que hai casos que saltan aos medios de comunicación.

Alumnos Practicando Un Exámen De Selectividade. EUROPA PRESS - Arquivo
Alumnos Practicando Un Exámen De Selectividade. EUROPA PRESS - Arquivo

Desde o sindicato ANPE que creou a figura do Defensor do Profesor, apuntan que “o modelo de conflitividade cambiou, non é alarmante en Galicia, mais queremos chamar a atención”. Ese cambio do modelo de conflitividade débese segundo Julio Trashorras, Defensor do Profesor e membro de ANPE a que agora esta conflitividade dáse dentro do ensino primario.

CRISE DE VALORES?

“É como se a sociedade quixese impoñer unha aceleración na madurez dos rapaces de entre 11 e 12 anos, pensamos que un rapaz desas idades debera ser como un adulto en miniatura” sinala Trashorras. Este fenómeno para o membro de ANPE é moi propio das sociedades urbanas, pois no rural aínda conviven con certo número de familiares. “Habería que abrir un debate sobre a conciliación familiar, sobre a necesidade de axudar neste punto ás familias”.

Somos testemuñas dunha crise de valores? “A crise de valores houboa sempre en todas as épocas” di Bernardo Penabade, profesor en Burela. “A escolarización ata os dezaseis anos tamén prolongou a posibilidade de conflito dentro das aulas”. O que si é evidente para os profesionais do ensino é un cambio gradual na actitude dos alumnos que teñen “un carácter máis agresivo e altivo que mesmo ten borrado o sentido de xerarquía non só co profesor, senón tamén entre eles” di Maica Couto do sindicato STEG. O que di Couto súmase tamén á “falta de empatía e un egoísmo que se dan en idades temperás, mais agora parece que se prolonga no tempo”.

Alumnos na aula.
Alumnos na aula.

A ausencia de empatía e as actitudes egoístas culminan moitas veces en falta de tolerancia á frustración. Isto pode observarse en menores sobreprotexidos que moitas veces non poden resolver problemas habituais do día a día. Para os profesionais do ensino, actualmente déixase moi pouca marxe de resolución aos menores. Non saber resolver unha situación que requira un certo grao de empatía, escoita e paciencia, pode levar a nenos e nenas que vivan unha frustración permanente.

PROFESORES E REFERENTES

Os profesores que están perto da xubilación son un dos segmentos que máis acode ao Defensor do Profesor. Estes profesionais ás veces non conseguen adaptarse ás novas esixencias curriculares, ademais da adaptación ás novas tecnoloxías, moi necesaria no ensino. “Certo que pode haber unha falta de renovación curricular, máis a iso súmalle tamén a falta de atención á diversidade” sinala Penabade.

“Hai un cuestionamento constante ao labor dos profesores por parte dos pais que só teñen a información dos seus fillos” di Maica Couto que tamén sinala pola contra, a sobreexposición informativa deses mesmos pais “pois ao accederen á sobreinformación que ofrece Internet está o risco de que moita desa información non sexa certa”. A busca de información na Rede pode crear situacións en que pais e profesores acaben en relacións polémicas, mais “as TIC non son determinantes, hai que recoñecer que ás veces xurde violencia en grupos de redes sociais de cara aos profesores” di Bernardo Penabade.

A infancia e a adolescencia son períodos en que as persoas buscan referentes para imitar. Os primeiros referentes son os pais. Eses pais viviron épocas en que os profesores tiñan unha incidencia sobre o alumnado moi diferente á de agora. Pode ser que os pais vivisen situacións difíciles con profesores na súa infancia e adolescencia e por iso non queiran que os seus fillos vivan as mesmas situacións. “A actitude dos pais moitas veces é de confrontación cara o profesor ou profesora, e esa actitude logo é imitada polos fillos e que a trasladen ao seu comportamento dentro da aula” di Julio Trashorras.

A cuestión é que a maioría de modelos “válidos” para os máis novos son aqueles que aparecen tanto en medios como en plataformas dixitais. “As mozas queren ser youtubers ou influencers, mentres que os mozos queren chegar a ser futbolistas” sinala Trashorras que ademais destaca como o efémero destes referentes non parece chamar a atención dos máis novos. “A comezo de curso falan dunha influencer ou dun futbolista, preguntas por que cambian de opinión é porque xa non están de moda”. Isto evidencia para algúns profesionais da educación da perda do sentido de esforzo e que os máis novos non teñan en conta o difícil que é para algúns deportistas, por exemplo, reintegrarse na sociedade.

Ademais, existen outros referentes que “non teñen cultura ningunha, que o único con valor para eles é ir guapos, ben vestidos, ben peiteados e gastar en roupa de marca” di Maica Couto. “Son persoas que trasladan unha mensaxe de baleiro aos mozos e mozas que logo queren gastar en prendas de marca ou imitar a esta ou aquela persoa que sae na televisión”.

HAI GRUPOS MÁIS VIOLENTOS QUE OUTROS?

O estudo do Defensor do Profesor sinala que o índice de conflitividade é máis elevado en secundaria, seguida por primaria e logo por formación de adultos onde inclúen FP Básica. “É curioso que se dea o caso de educación para adultos, porque en teoría son persoas que xa teñen claro en que se queren formar” di Trashorras. “O caso é que dentro deste grupo tamén se inclúe a FP Básica onde boa parte do alumnado non ten motivación”.

A diversidade entendida nun sentido amplo que iría máis alá da diversidade funcional ou da cuestión de xénero. “En FP Básica hai unha insuficiente atención á diversidade motivada polo rol masculino de moitas ramas desta rama educativa” di Penabade. “En moitas vilas non se atende á diversidade de xénero porque sobreentenden que esa FP é educación só para rapaces”.

A atención á diversidade perdeu fondos dentro do que son os orzamentos de Educación. Esa perda orzamentaria trouxo con ela a perda de profesorado especialista en diversidade. A incorporación de persoal para a diversidade podería frear os casos de violencia porque se atendería problemas de violencia no fogar, exclusión social e casos de abuso de drogas e alcolismo. Por outra parte, outro factor que resaltan tamén os profesionais consultados, son aqueles e aquelas alumnas que precisan dunha adaptación curricular especial. Un caso recorrente son os alumnos e alumnas repetidoras. “Séntense excluídos e se hai exclusión hai tensión” di Penabade.

O estudo feito polo Defensor do Profesor, apunta ademais que case o 60% dos profesores non se senten apoiados pola Administración en canto as súas demandas sobre conflitividade dentro das aulas. “A Administración atende máis ao que podan dicir un grupo de pais nos medios ou nas redes que ás demandas de profesores e profesoras” di Trashorras.

A conflitividade dentro das aulas en Galicia non é alarmante, mais o colectivo de profesores e profesoras demandan maior atención ao que son as cuestións relativas a unha mellor adaptación curricular e maior atención ás cuestións presentadas polos profesionais do ensino. Evitar que certo tipo de ensino, como FP Básica, deixe de ser un cúmulo de alumnos e alumnas desmotivados e sen atención, ademais de prestar maior atención á diversidade. E sobre todo, un cambio profundo nos referentes en que se basa a xente máis nova en canto valores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 anonimo

Pois non. Non é una " Falsa alerta" dun grupo de dereita. A situación nas aulas as veces é moi complicada. O comentario ten a típica distorsión ideolóxica, que non deixa ver a realidade: coma o di ANPE, é mentira. E infantil pensar que nas aulas todo é idílico,e que non hai priblemaalgún.

2 Gamela

Se non temos confianza no traballo dos profesores iremos cada día a peor... Que haxa algún profesor/a que mereza un correctivo vía Inspecion Educativa é normal (pero criminalizar a todo o colectivo de profesores é unha enfermidade social que deberamos estudar!) En canto ao comportamento dos infantes e rapaces bastaría unha gravación controlada de algunhas aulas e logo (a porta pechada) facer que as familias vexan como é o comportamento habitual dos seus "encantadores fillos/as" ... Penso se sería unha TERAPIA interesante para moitos incluídos os Diretores/as dos Centros! Evidentemente esas gravacións deberán DESTRUIRSE antes de que cheguen a OK Diario !

1 Antoine

Falsa alerta, exclusivamente ó servizo da ideoloxía do sindicato ampe ó q este medio da voz