A gorxa profunda dos Klallam

Nesta trixésimo sexta entrega de 'Viaxes sen Lee', o navegante emocional Gabriel Rei-Doval chega á soleira da glotal terra dos Klallam.

Por Gabriel Rei-Doval | Port Angeles (Washington, USA) | 30/11/2019 | Actualizada ás 12:20

Comparte esta noticia

Camiño de Port Angeles, non deixaba de preguntarme pola natureza da alma humana: como un suposto educador ó coidado de futuros adultos en Pittsburgh podía ter unha mente tan treboenta coma a burbullante tarteira de Rob? E preguntábame tamén que futuro agardaría á nova relación entre Chuck e Jodie tras cruzaren ambos a delgada liña vermella que separa a amizade sincera da intimidade física e emocional.

Mural historiado Klallam en Port Angeles
Mural historiado Klallam en Port Angeles

As mentes extravíanse por veces ó entraren en bucles inesperadamente centrífugos. Quizais nada disto prevera Jodie ó facer clic con Rob dúas décadas antes nas aulas universitarias de Colorado. Mais ignoro a verdadeira razón de o extravío mental chegar a ameaza-la integridade e supervivencia física das persoas: velaí o misterio que un simple estudo químico das neuronas segue sen desvelar.

E nestas chegamos ó Port Angeles de valados historiados e ecos nativoamericanos, verdadeiro punto de encontro da exploración montañeira de Olympic National Park. Conectado co meu inner self, axiña interpretei a sombra do aire na herba como inequívoco convite a retornar noutra ocasión, sen potenciais interferencias de mentes doentes camiño de olímpicos cumios xeados.

Como o lusco-fusco chegou axiña tralo xantar e paseo pola cidade, retireime a meditar no illado rural de Washington. A cobertura celular desapareceu camiño do destino e confiei na memoria cibernética do meu móbil mazanceiro para chegar ó punto de destino AirBnB. E, cando xa temía non atopar onde pasa-la noite nin saber como retoma-la estrada principal, as luces de Auris iluminaron de súpeto aquel rancho de inconfundible cheiro equino e cancela gris de malla de aramio. Batendo na porta xurdiu a esvelta voluptuosidade valquiria middle age de Pamela, coa súa melena loira, botas de coiro marrón, chapeu a xogo e inconfundible acento californiano, agardando pola miña chegada. Semellaba o único ser humano nun inmenso rancho onde se facían notar, ademais dos efluvios equinos, a diminuta compaña canina de Dolce, de pelo branquecino e cálida benvida.

A recepción serodia foi amigable mentres o cansazo e distancia de Pamela parecían apuntar a unha interacción limitada naquel escuro serán de outono. Mais sorprendeume devalando á súa vida californiana anterior e suxerindo como un rancho illado ós pés do Olympic National Park era o perfecto remanso de paz para mante-la necesaria distancia coas costas sureñas do país. Debuxou con pinceladas grosas as dificultades familiares que levaran a súa familia desde Washington DC ata o atafegado Pacífico norteamericano, e apuntou de xeito críptico a profundos asuntos familares na década dos 70, cando a familia se mudara, sendo ela unha pícara, ás glamurosas costas de California.

A costa onírica de Neah Bay (Museo Nacional Makah)
A costa onírica de Neah Bay (Museo Nacional Makah)

Non sabería como describi-la viscosa sensación no interior do meu sistema dixestivo mentres daba conta, sentado na mesa, da ensalada de Pike Grocery regada con raspberry balsamic vinaigrette. Detrás daquela perfecta queixada triangular e labios cirurxicamente louzáns sentía unha enerxía profunda e ferida a piques de saír. Así que evitei o fitar inquisitivo na distancia da cociña-comedor onde os trofeos disecados de caza maior danzaban en quietude coa poderosa simboloxía Christian Yoga. Pamela, ollando de esguello a miña cea vegana desde o triturador de lixo orgánico da cociña, comezou a comparti-la paixón de ensinar ioga á comunidade local nativoamericana de Port Angeles.

Procurando empatía outonal faleille sen expectativas do meu devalar entre o yin yoga, o tai-chi e maila tensegridade. Ó articular Tensegrity pareceu coma se de súpeto os ollos se lle acendesen coma faíscas e de contado referiuse á paixón da súa filla Kerry e o seu xenro Cheech-ma-han pola tensegridade. Ela rexentaba un motel rústico en Neah Bay, a máis occidental vila do país. Os meus ollos quizais se espallaron tamén ó compartir que era alí onde me dirixía a mañá seguinte. 

Pamela respondeu á miña querencia polo mundo nativoamericano cun sorriso amplo, animándome a pasa-la noite seguinte na matria dos Mahak e visita-lo seu Museo Nacional. E, mentres me apresuraba a face-la preceptiva reserva, volveu ó ton críptico convidándome a saber máis da gorxa profunda dos Klallam e tódalas cousas que tan egrexio pobo sabía facer coa lingua. Á pescuda fonética nativoamericana entregueime a seguir, antes de renderme un día máis ó Anapana que non cesa. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA