A Plataforma de Afectados pola Hepatite C critica o auto que arquiva o caso e anuncia recursos

"O auto cita testemuños e informes xenéricos emitidos por persoas e organismos que non están especializados na materia, mentres se desprezan as declaracións prestadas por médicos especialistas", di a Plataforma.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/11/2019 | Actualizada ás 18:11

Comparte esta noticia

A Plataforma de Afectados pola Hepatite C manifestou este mércores o seu "desacordo" co auto que arquiva o caso e anunciou a súa intención de presentar recurso.

O auto, que asina o xuíz Andrés Lago Louro, determina o sobresemento provisional da causa e arquivo das actuacións respecto dos cargos do Sergas (Félix Rubial e Carolina González-Criado) investigados como presuntos responsables de delitos de homicidio por imprudencia grave profesional e prevaricación por supostamente non facilitar ou atrasar o tratamento a pacientes de hepatites C.

"Non podemos afirmar que a morte ou falecemento dos pacientes sexa imputable causalmente aos investigados", indica o documento xudicial. Nel, engádese que "o falecemento foi por causas alleas á demora, omisión ou dilación na tramitación das peticións ou solicitudes de aplicación dos novos fármacos".

Nun comunicado, a Plataforma remarca que a causa se instruía neste xulgado desde hai 3 anos e oito meses, e sitúase en desacordo coa resolución. "Ao contrario, o coñecemento de determinados feitos e documentos que tivemos no transcurso deste proceso reafírmanos na nosa opinión de que as cousas non se fixeron como se deberían", sinalou o portavoz da Plataforma, Quique Costas.

"Dunha primeira lectura" do auto, entende que se basea "exclusivamente nalgúns testemuños e informes" mentres que non se teñan en conta outros que "resultan abertamente cuestionadores" de como se actuou desde o Sergas.

"O auto cita testemuños e informes xenéricos emitidos por persoas e organismos que non están especializados na materia, mentres se desprezan as declaracións prestadas por médicos especialistas e responsables de farmacia que estiveron directamente implicados nos tratamentos dos pacientes que figuraban na denuncia", remarcou Costas.

"SOLIDARIEDADE COAS FAMILIAS"

A xuízo da Plataforma, os feitos que figuran na denuncia presentada pola Fiscalía e á que se adheriu a entidade "non foron no substancial desacreditados nas dilixencias practicadas na instrución sumarial". Por iso, recorrerá o auto.

Finalmente, a Plataforma manifestou a súa "total solidariedade" coas familias das vítimas e reafirmarlles o seu compromiso de seguir loitando "ata o final" porque se aclaren as circunstancias da súa morte, de forma "que se faga xustiza" e poidan ser "reparadas". Tamén agradeceu publicamente "o traballo de firme defensa do coñecemento da verdade" feito pola Fiscalía.

Os membros da Plataforma de Afectados pola Hepatite C cando foron expulsados do Parlamento de Galicia, Quique Costas o primeiro pola esquerda
Os membros da Plataforma de Afectados pola Hepatite C cando foron expulsados do Parlamento de Galicia, Quique Costas o primeiro pola esquerda | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Andrés Lago Louro (o instructor do accidente de Angrois que culpaba ao maquinista!) agora defende o tapa as responsabilidades de Félix Ruibal (o gran privatizor do SERGAS!) INDIGNANTE pretender dar carpetazo aos mortos! Hai xuices que querían estar na China e levar unha boa tanda de REEDUCACIÓN SOCIAL !!! https://gl.wikipedia.org/wiki/Andr%...