O PP evita un rexeitamento unánime no Parlamento galego dos pactos con forzas que fomenten a xenofobia como Vox

Os 'populares' votan en contra dunha iniciativa que incluía esta petición ao rexeitar o PSOE a votación por puntos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/12/2019 | Actualizada ás 19:31

Comparte esta noticia

Os grupos non chegaron este martes a un acordo para o rexeitamento unánime dos pactos con forzas políticas que fomenten o racismo, a xenofobia e a aporofobia, e que contribúan á estigmatizar e a criminalizar aos menores estranxeiros non acompañados nun debate cheo referencias a Vox.

Parlamento galego
Parlamento galego | Fonte: EP.

Os populares situáronse en contra dunha moción defendida pola deputada socialista Noela Blanco sobre pobreza e exclusión social que incluía como primeiro punto o rexeitamento destes pactos despois de que o Grupo Parlamentario Socialista non aceptase votar por separado a cuestión dos pactos.

"Coa extrema dereita non caben medias tintas, ou se condenan actitudes e íllanse ou se está con eles como están a facer vostedes agora mesmo", manifestou Blanco, que lembrou os acordos do PP con Vox para gobernar Andalucía, Madrid e Murcia.

Ademais, no pleno da Cámara, a deputada socialista denunciou o que considera un "fallo multiorgánico" das políticas da Xunta para combater a pobreza e a exclusión social. "Pretendemos pór en marcha unha verdadeira estratexia de loita contra a pobreza para que as persoas saian desta situación, para colocar un auténtico colchón social", manifestou.

Para iso, a moción defendida polos socialistas pedía, entre outras cuestións, avanzar cara a un ingreso mínimo vital compatible co salario; un plan de choque, dotado de orzamento, que teña como poboación obxectivo os fogares sen ningún ingreso; ademais da mellora da atención ás persoas sen fogar a través do desenvolvemento da metodoloxía 'Housing First'.

Tamén reclamaba a mellora da rede de escolas infantís de 0 a 3 anos de forma que o acceso constitúa un dereito subxectivo e universal; establecer unha estratexia de loita contra o desemprego que dea prioridade aos colectivos máis desfavorecidos; así como impulsar novos obxectivos na política de vivenda.

APOIO DO RESTO DE GRUPOS DA OPOSICIÓN

Na sesión plenaria, o resto de grupos da oposición avanzaron o seu apoio á iniciativa presentada polos socialistas galegos.

A deputada do Grupo Mixto considerou que "unha democracia non debería permitir actuacións que son un verdadeiro odio a estes colectivos" en referencia á actitude de Vox cos menores non acompañados. Ademais, presentou unha emenda que pedía a posta en marcha de plans específicos para familias monomarentais e para as persoas maiores en situación de pobreza.

Pola súa banda, tamén avanzou o apoio do seu grupo a esta moción a parlamentaria do Bloque Nacionalista Galego Montse Prado, que presentou unha emenda a través da que pedía reclamar ao Estado "o pago dos máis de 198 millóns de euros correspondentes aos recortes acumulados con Galicia" pola Lei de estabilidade orzamentaria, así como "o financiamento acordado do 50% dos gastos de atención á dependencia".

Tamén apoiou a moción a deputada do Grupo Común da Esquerda Paula Quinteiro por considerar que "a loita contra a exclusión e a pobreza" deberían ser unha "urxencia" para o Goberno galego e urxiu ao PP a "separarse dunha vez por todas de quen fai discursos racistas".

POSTURA DO PP

En fronte, a deputada popular Marta Rodríguez Arias deixou claro que o Partido Popular "nunca estará nun goberno que fomente o racismo, a aporofobia" ou que "criminalice aos menores non acompañados. "Esperamos que nos permitan votar a favor deste punto, porque todos os grupos aquí representados pensamos o mesmo", sinalou.

Con todo, discrepou do resto de puntos que inclúe a moción do PSdeG e puxo en valor as medidas do Goberno galego para combater a pobreza e a exclusión social. "A Xunta destina este ano 120 millóns, Galicia é a única comunidade que conta cunha axenda social única", apuntou.

Fronte a iso, acusou ao Goberno estatal de "recortar" en 400.000 os euros destinados a Galicia para a loita contra a pobreza infantil.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Viriatus

Para xenófobo o BNG

1 El Ciz

Ate a min me saen sarpullidos