Endesa garante o traballo aos operarios das Pontes ata marzo de 2020

O alcalde das Pontes exise "compromiso" á a Xunta, Goberno e Endesa para garantir a actividade na térmica.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 04/12/2019 | Actualizada ás 18:17

Comparte esta noticia

Endesa comprometeuse coas representantes sindicais dos traballadores das compañías auxiliares da central térmica das Pontes de García Rodríguez a manter todos estes postos de traballo durante o primeiro trimestre do próximo ano 2020.

Así llo trasladaron aos traballadores responsables da comisión de auxiliares, composta por CC.OO., CIG e UGT, durante a concentración que desenvolveron este mércores, entre as 14,30 e 15,30 horas.

Na rotonda da Vilabella, lugar de protesta das últimas semanas, reclamaron que a central de carbón continúe producindo enerxía eléctrica, co obxectivo de así eles poder manter os seus empregos.

Na actualidade son ao redor dunha ducia de compañías as auxiliares que ten Endesa contratadas para diversas tarefas no complexo industrial, que implican ata 250 operarios. Estes traballadores encárganse do servizo de limpeza, mantemento industrial, control de calidade e tamén control ambiental.

TRES MESES MÁIS

Ata o momento, os operarios só tiñan o compromiso da compañía eléctrica de que non executaría rescisións de contratos ata o 31 de decembro, prazo que agora quedou ampliado en tres meses, ata polo menos o 31 de marzo. Durante este mes de decembro, os traballadores das auxiliares teñen previsto volver concentrarse neste lugar os días 11 e 18.

Concentración en Madrid de traballadores da central de Endesa das Pontes. PP
Concentración en Madrid de traballadores da central de Endesa das Pontes. PP | Fonte: JAIME DE OLANO

ALCALDE DAS PONTES

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, pediu "compromiso" á Xunta, ao Goberno e a Endesa para garantir o futuro da central térmica, segundo expuxo ao ser preguntado polos xornalistas por unha próxima reunión entre as partes a próxima semana.

En concreto, ao ser cuestionado sobre o que espera da reunión, dixo que espera "claridade", para coñecer o resultado das probas realizadas, e "compromiso por parte de todo o mundo", sinalou ao incidir no número de familias e de industrias que dependen da central.

"Temos que ser capaces de concretar unha alternativa que substitúa o carbón, haina", sentenciou a este respecto aludindo aos "biocombustibles" e á realización dunhas probas "que saíron viables". No entanto, dixo que fai falta a colaboración da Xunta para "establecer un sistema que permita valorizar enerxeticamente eses lodos e biocombustibles".

"E o compromiso do Ministerio e de Endesa, que teñan vontade de levalo a cabo", engadiu tras asistir, na súa condición de secretario provincial dos socialistas coruñeses, a unha reunión de alcaldes socialistas da provincia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta