Constitución Española do 78, reformala ou crear unha nova?

Algunhas voces apuntan a necesidade dunha reforma constitucional que reflicta a realidade 41 anos despois de aprobarse a actual Constitución. Outras posturas declaran que o documento é suficientemente amplo para seguir vixente e adaptarse a cada nova época. Falamos cos principais líderes e dirixentes políticos de Galicia: Gonzalo Caballero (PSdG), Luís Villares (En Marea), Pedro Puy (PPdeG) , Bieito Lobeira (BNG) e Luca Chao (Grupo Común da Esquerda) para coñecer o futuro da Carta Magna.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 05/12/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A controversia arredor dunha posible reforma constitucional baséase en parte ás dúas reformas aplicadas ao texto de 1978. Ningunha delas fora consultada ao pobo, senón que se buscou un consenso entre forzas políticas, nomeadamente PP e PSOE, para os cambios necesarios. O máis polémico foi o cambio realizado sobre o artigo 135 que antepoñía o pagamento das débedas do Estado sobre a atención ou investimentos de cara ás necesidades da cidadanía.

Cataluña
Cataluña | Fonte: EP

Outra cuestión tamén importante, polo menos a día de hoxe, é o problema territorial, acentuado coa situación catalana. Mais se miramos para a situación en Galicia, a cuestión territorial non parece ter unha especial relevancia, polo menos para o actual executivo presidido por Núñez Feijóo. En dez anos de goberno o gabinete presidido por Feijóo non realizou ningunha petición de traspaso competencial. Isto tamén fai preguntar se existe vontade de usar as ferramentas estatutarias e constitucionais por parte do goberno autonómico, ou se é que deixou paso a unha indiferenza absoluta ao que é pedir máis autogoberno, polo menos no apartado administrativo.

VIVIMOS UN MARCO CONSTITUCIONAL VÁLIDO?

O marco constitucional vixente é insuficiente para atender ás necesidades da sociedade do presente e está ancorado no pasado e non é quen de atender crises e cuestións actuais” declara a parlamentaria do Grupo Común da Esquerda, Luca Chao. Desde este grupo sinalan cinco puntos prioritarios para afrontar unha hipotética reforma da Constitución, “primeiro, unha carta magna feminista que garanta os dereitos de todos e todas por igual, derrogación do artigo 135 para que a prioridade sexa atender a cidadanía, blindar a vivenda como dereito fundamental e efectivo, pór fin aos privilexios da Igrexa e finalmente, recoñecer a realidade plurinacional do Estado”.

Luis Villares, portavoz do grupo En Marea no Parlamento de Galicia, concorda cunha visión de desfase por parte do documento de 1978. “En canto a plurinacionalidade é un documento esgotado, non está actualizado para os novos modelos de convivencia e para descriminalizar movementos democráticos” sinala Villares. Así mesmo, o portavoz de En Marea di que dentro do terreo do social, un novo texto constitucional debera reflectir elementos como “unha renda básica, a conciliación, a igualdade real entre homes e mulleres, dereito a unha vivenda digna e ter en conta a emerxencia climática”.

Pleno no Parlamento galego.. XUNTA
Pleno no Parlamento galego.. XUNTA

A reforma ou a adopción dunha nova carta magna aportaría a necesidade de abordar a mesma cuestión cos estatutos de autonomía. Bieito Lobeira, membro do BNG contempla a reforma dos estatutos segundo onde chege o cambio constitucional. Aínda así, Lobeira deixa claro que “para o BNG a Constitución non é reformable, a esencia da Constitución anula a existencia de pobos diferenciados ou nacións”. Un exemplo foi a resolución do Tribunal Constitucional  que “non recoñece os mesmos dereitos para o galego que para o castelán, para nós a cuestión é que os estatutos autonómicos simplemente derivan da Constitución”.

Gonzalo Caballero, portavoz do PSdeG-PSOE no Parlamento de Galicia, remarca a defensa da Constitución do 78 desde o seu partido. “Somos conscientes da súa importancia histórica porque posibilitou o período máis longo de paz e convivencia que houbo no noso país, aínda que estamos abertos a modificacións cando sexan precisas”. Non obstante, Caballero di que os socialistas son “conscientes da dificultade de implementalas polo complexo que resulta crear as maiorías que o posibiliten”. Preguntado pola reforma do artigo 135, o líder dos socialistas galegos cre que “neste momento hai que estar traballar nas necesidades actuais, toca pensar máis no presente e dar como asumidos os cambios que se fixeron no pasado”.

“Non hai necesidade ningunha de reformar a Constitución, pois a actual xa permite canles para a reforma da mesma” sinala o portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, quen reforza o seu argumento destacando que “non hai necesidade de cambio porque tampouco hai consenso cara onde ir en base ao reflectido no documento actual”. Puy ademais ve necesario reforzar o valor do texto de 1978 para “crear paz, respetar aos demais, respetar a convivencia entre todos e todas e crear así unha estabilidade moi necesaria”.

QUE CAMBIOU DESDE 1978?

“A sociedade vai por diante dos políticos porque é plural e diversa” declara Luca Chao. “A ruptura do bipartidismo obriga a pactos e diálogo e así, a clase política debera aprender a negociar” remarca a parlamentaria do Grupo Común da Esquerda. Mais esa ruptura do bipartidismo supón tamén un mapa político complicado para consensos. “O equilibrio de forzas no Congreso é complexo, mais hai unha maioría de progreso ampla que será a que teña que capitanear o proceso de reforma constitucional” sentenza Chao.

Luis Villares estima que un texto constitucional “está elaborado para unha xeración determinada cando debera tamén mirar cara o futuro”. Como exemplo pon o “dereito de acceso á auga, evitar que se privatice todo o público e garantir os dereitos de todas e todos sen excluír a ninguén”. Pola súa parte, Bieito Lobeira baséase nos últimos dez anos, con Feijóo na Xunta para falar sobre “o saldo  demográfico é negativo e brutal, estamos á cabeza de perda de poboación, perda de capacidade de xeración de riqueza, así que a Constitución non valeu para que todos sexan iguais”.

Pedro Puy pola súa parte reclama os cambios xa instaurados como vía para significar o que ve como avances dentro da sociedade. “Temos un estado moi descentralizado, máis que algúns estados federais, por iso non se entende que forzas centrípetas queiran ir máis alá introducindo elementos estranos como o dereito de autodeterminación”.

MONARQUÍA E MODELO TERRITORIAL

A xefatura do Estado corresponde ao monarca. Os partidos maioritarios non discuten esta posición mais as novas forzas políticas entenden que se podería medir o peso da monarquía dentro da sociedade. “A pureza democrática está nas repúblicas porque implican a elección de todos os representantes” di Caballero. A pesar disto o líder socialista galego sinala que “o marco constitucional dun país márcase segundo a súa evolución histórica, e nestes momentos a Constitución española é plenamente democrática”.

“Coma demócrata que son, considero esencial que as persoas escollan a xefatura do Estado” apunta Luis Villares. “O curioso é que as enquisas do CIS non preguntan ou non fan enquisas sobre a monarquía” remata o líder de En Marea.  “En democracia a cidadanía é libre de elixir o modelo de estado, apostamos por decidir o modelo, se monarquía ou república” sentenza Luca Chao.

É tamén Luca Chao quen sinala como superado o modelo territorial, “ninguén nega que a crise territorial é unha das máis relevantes sobre a mesa. Defendemos un recoñecemento dun marco plurinacional”. Villares pola súa parte entende que aqueles puntos relacionados coa territorialidade e que non se desenvolveron son responsabilidade de cada quen. “A Constitución é a mesma para Galicia como para Castela e León ou Cataluña, no caso galego pois falta a vontade política do PP para desenvolver temas como as competencias”. O portavoz de En Marea considera contraproducentes as queixas de “certo sector do nacionalismo que lle bota as culpas a Madrid, o caso do paritorio de Verín é decisión da Xunta e a política lingüística é competencia da Xunta”.

O modelo territorial para Gonzalo Caballero pode incluir “perfeccionamentos no que é o noso sistema territorial, estamos dispostos a discutilo sempre que haxa puntos de acordo maioritarios”. Pola súa parte Pedro Puy é tácito “a reforma do título VIII da Constitución é un paso moi complicado, creo que nese sentido, non é necesaria ningunha reforma”.

REFORMA DO ESTATUTO GALEGO

A oposición parlamentaria en Galicia está de acordo en que logo de dez anos de goberno do PP na Xunta, a asunción de competencias por parte do goberno galego foi nula. “Feijóo en dez anos non pediu unha soa competencia e nós reclamamos AP-9, salvamento marítimo e outras necesidades” di Luca Chao. Entre esas necesidades está a de dotar de máis peso ao Senado, “superar o modelo das deputacións dando máis autonomía local, avanzar cara unha nova lei de finanzamento”. É necesaria unha reforma do estatuto galego? “A reforma sería a medio prazo, non é o máis inmediato, hai que formar un goberno que pilote este cambio” remata Chao.

A falta de asuncións competenciais para Galicia forma parte do ideario do PP, segundo Bieito Lobeira que explica que a negativa a ter máis competencias “forma parte do mesmo proxecto do PP, detrás dunha pretendida apariencia pseudogaleguista, o que agocha é unha profunda españolidade, renega da súa terra”. Incide tamén o político nacionalista que “mais é que o PP se nega mesmo a utilizar o estatuto para as posibilidades que ten, pequenas, pero que son reais para mellorar a calidade de vida en Galicia”.

O escaso desenvolvemento do estatuto levouno xa ao que Luis Villares ve como un elemento obsoleto. “Galicia ten un estatuto obsoleto e sen desenvolver que leva á necesidade da súa reforma e que permita recoñecer novos dereitos á cidadanía galega”. A reforma levaría primeiro pola perda da maioría absoluta do PP e que a negociación pase por un entendemento entre as catro forzas de progreso “para reforzar a política social, ambiental, sanidade pública e muller”.

“Feijóo foi un desastre para Galicia durante estes dez últimos anos” apunta Gonzalo Caballero. “Fixo que Galicia perdera peso económico, calidade nos servizos públicos e peso no medio rural”. Ademais disto, Caballero sente que o presidente da Xunta mostrou falta de compromiso co autogoberno. “Feijóo non tivo como prioridade en ter máis ou menos compentencias porque non soubo gobernar co que xa estaba trasferido”.

“O actual ámbito competencial abrangue un abano moi grande, temos as competencias en Sanidade, Educación, Xustiza e Políticas Sociais” di Pedro Puy. O político “popular” entende que este abano de competencias é xa de por si moi grande, isto fai que cuestione se “a transferencias de novas competencias resultaría rendible, mesmo algunhas delas tiñan que estar en  mans europeas a día de hoxe”.

CATALUÑA, PUNTO E Á PARTE?

“Estamos nun punto e á parte sobre o que pasou en Cataluña, mesmo a sentenza do procés non fixo máis que agravar a fenda” analiza Luca Chao. “É tempo de falar, diálogo, o que é político non se solucionará nos tribunais” remata.

Pola súa parte, Bieito Lobeira considera que "no caso catalán a vía estatutaria non os convence, nin a sectores que están polo dereito a decidir para unha capacidade maior de autogoberno”. Mentres Luis Villares insiste en que “o sistema territorial está esgotado para permitir unha nova etapa para as distintas nacionalidades que conviven no Estado”.

Gonzalo Caballero aposta por abrir vías de diálogo con todas as forzas, mesmo as nacionalistas. “A soberanía está na cidadanía do Estado, e cada vía de cambio ten que ter unha maioría da cidadanía e das forzas políticas”. Recoñece que todo isto é difícil “porque as visións políticas teñen unha visión de parte, como é neste momento a aparición dunha forza como Vox, cun discurso que é contrario ao discurso sobre o que se asentou a Constitución do ano 1978”.

O presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez e o líder de Podemos, Pablo Iglesias
O presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez e o líder de Podemos, Pablo Iglesias
Hemiciclo. CONGRESO - Arquivo
Hemiciclo. CONGRESO - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

6 anonimo 2

Ou cumpri o ponto 5 do artigo 148 (Competências das comunidades autónomas): “As vias férreas e estradas de percorrido compreendido integramente no território da comunidade autónoma...” Como pode ser que o governo central (e centralista) negue-se a cumprir a constituição com a votação no parlamento centralista de deputados de Madrid ou Valladolid? Ou como é possível que a concessão da extensão da autorização a Ence fora feita em Madrid quando o estatuto galego no artigo 27 “A Comunidade Autónoma galega a competência exclusiva das seguintes matérias: ... Confrarias de pescadores, câmaras da propriedade, agrarias, de comercio, INDÚSTRIA e navegação e outras de natureza equivalente” e a indústria papeleira não é competência exclusiva do estado (artigo 149 da constituição) De que serve mudar a constituição para logo seguir sem cumpri-la!!

5 anonimo 2

E que tal se reclamamos que se cumpra a constituição? Entre outras cousas a constituição reconhece que o estado é multinacional ao estar integrado por Nacionalidades. E se alguém tem dúvidas que consulte o significado de nacionalidade em um dicionário do ano 1978 (nacionalidade = pertencente a uma Nação) ou (nacionalidade = Nação, território no que vive um grupo de personas pertencentes a uma mesma comunidade, constitua o não um estado). Claro que os dicionários atuais da RAE ou a RAG eliminarom o termo nação porque querem fazer uma reinterpretação da constituição. Ou cumprir de jeito real a oficialidade das línguas “As outras línguas espanholas serám também OFICIAIS nas respectivas comunidades autónomas de acordo cos seus estatutos” garantindo o direito real a usar a língua galega na Galiza? Continua...

4 Alienao

Reformala é imposible. Ela mesma é unha reforma do franquismo.

3 PesteBorbónica

Papel mollado, unha burla cínica e hipócrita obsoleta e esmagadora da Galiza e dos galegos. República galega ou morte da Galiza, non hai outra.

2 El Ciz

Agora que teño un casco de Babieca na Mesa do Congreso