Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/12/2019 | Actualizada ás 14:22
O Concello de Dodro aprobou o pasado xoves unha moción contraria á apertura do megaproxecto mineiro de Touro, avalado pola multinacional Atalaya Mining. A moción saíu adiante cos votos de Unidade Veciñal, BNG e PSOE, mentres que os edís do PP votaron en contra da moción.
Desta maneira, con Dodro xa son corenta e cinco concellos e dúas deputacións provinciais, que xa rexeitaron de forma oficial a megamina de cobre a ceo aberto. A Plataforma Mina O Pino Tour Non, declara nunha nota de prensa que “tristemente os concellos de Touro e O Pino, así como o concello lindeiro de Boqueixón, decidiron non poñerse do lado da veciñanza”. Critican así as posturas dos equipos corporativos dos concellos que estarían afectados pola mina, ademais do de Boqueixón. A Plataforma considera que a postura destes tres municipios é deixar ao seu destino o que poda acontecer se se materializa a apertura da explotación mineira.
Nun comunicado emtido pola mesma Plataforma, destacan que “o proxecto de extracción de cobre podería supoñer un enorme impacto para toda a área do río Ulla e para a súa desembocadura na Ría de Arousa”. Sobre este punto, sinalan que tal e como están plantexadas no proxecto “as dúas balsas de residuos e os catro vertedoiros, o risco de rotura é moi alto, e as consecuencias poderían ser devastadoras”. Calculan que unha vertedura accidental por rotura podería chegar á ría en poucas horas, afectando a máis de 50 kilómetros de sistema fluvial e a todos os seus recursos.
A Plataforma alerta que os danos da explotación mineira afectarían á integridade do Camiño Francés pola posible “afección aos valores culturais, ambientais e paisaxísticos do Camiño de Santiago”. Sobre este punto, recollen o informe ICOMOS da Unesco onde se avisa ás administracións de que “no caso da perda de valores excepcionais polos que foi incluido na Lista do Patrimonio Mundial un Ben Cultural, ou que o Estado parte non solvente os perigos comprobados ou potenciais que afecten ao Ben, este pode ser excluido da Lista do Patrimonio Mundial".
Por último, sinalan que non hai “ningún posicionamento oficial a favor da mina, nin informes que avalen a viabilidade do proxecto, pese ás múltiples oportunidades de emenda que a Xunta de Galicia lle concede á empresa”. Estas accións supoñen para a Plataforma o alongar “un procedemento que nunca debera ter sido admitido a trámite sen a previa restauración dos terreos da antiga explotación”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.