A xustiza obriga a Abanca a devolver preto de 93.000 euros ao Concello de San Sadurniño

A demanda fora presentada pola contratación dun produto financeiro de alto risco asociado a un crédito de 300.000 euros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2019 | Actualizada ás 18:47

Comparte esta noticia

O Tribunal Supremo (TS) comunicou ao Concello de San Sadurniño o seu fallo sobre o recurso que o municipio de Ferrolterra presentara contra as sentenzas relacionadas coa demanda presentada contra Abanca, pola contratación en 2007 dun produto financeiro de alto risco asociado a un crédito de 300.000 euros.

No ano 2012, estando á fronte deste consistorio Secundino García (BNG), o Concello de San Sandurniño cancelou o préstamo, pero Abanca, como herdeira do negocio da desaparecida Caixa Galicia, seguiu cargando en conta os importes do produto, denominado tecnicamente "swap".

Foi entón cando o Concello de San Sadurniño decidiu levar este asunto ante a xustiza e así, o Xulgado de Primeira Instancia número 13 da Coruña fallou a favor da Administración local nunha sentenza de 2016, anulando o contrato e obrigando á entidade a devolver as cantidades cobradas de maneira indebida desde 2009, preto de 62.000 euros.

A eles había que engadir os intereses, aínda que unha posterior sentenza da Audiencia Provincial da Coruña limitou esa devolución aos cargos efectuados despois de que o Concello cancelase o crédito, é dicir, no 2012. Tras un longo proceso seguido nos xulgados de ámbito comarcal e provincial chegou o fallo do alto tribunal que pon fin a este proceso, onde catro anos máis tarde, se decidiu anular a cláusula da "swap" desde o inicio.

Así, a sentenza, de data de 19 de novembro, volve incidir en que o Concello asinou o contrato sen dispor de suficientes coñecementos sobre a natureza do produto e lembra o deber e a responsabilidade da entidade bancaria de informar non só dos posibles beneficios do acordo, senón tamén dos seus riscos.

En virtude do fallo do Tribunal Supremo, contra o que xa non caben máis apelacións, Abanca viuse obrigada a transferir hai uns días ás contas do Concello un total de 45.427 euros, a maiores dos 47.364,48 que xa ingresara por mor da sentenza ditada pola Audiencia Provincial en 2016.

"IMPORTANTE VITORIA"

Segundo o alcalde deste municipio, o fallo do Tribunal Supremo foi "unha importante vitoria da defensa do interese público", tendo en conta de que, en total, o Concello "recuperou en dúas veces case 93.000 euros, que eran diñeiro público en mans da banca por medio dunha cláusula abusiva e especulativa".

O alcalde engade que esta última sentenza "pon fin a case catro anos de preitos por un asunto que arrincou ás portas das eleccións municipais de 2007", cando o Concello, gobernado polo Partido Popular, subscribiu con Caixa Galicia un préstamo de 300.000 euros "que traía á vez un caramelo envelenado en forma de swap", todo iso cos informes favorables de secretaría-intervención.

Oficina de Abanca na Coruña. Sede, logo. ABANCA - Arquivo
Oficina de Abanca na Coruña. Sede, logo. ABANCA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta