O BNG buscará en Europa "unha chamada de atención" que "presione" á Xunta para reabrir o paridoiro de Verín

Ana Miranda acusa o Goberno galego de "minorizar a lingua el mesmo co decreto do plurilingüismo". Ve a vitoria de Boris Johnson en Reino Unido como "un terremoto" que pode carrexar "un Brexit duro".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/12/2019 | Actualizada ás 18:25

Comparte esta noticia

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, avanzou unha iniciativa na Eurocámara que buscará desde Bruxelas "unha chamada de atención" que sirva de "presión" sobre a Xunta para reabrir o paridoiro do Hospital de Verín (Ourense).

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda | Fonte: Europa Press

Nunha entrevista concedida a Radio Nacional este domingo, recollida por Europa Press, Miranda denunciou "a privatización e a redución de servizos" públicos levadas a cabo polo PP de Alberto Núñez Feijóo.

Preguntada sobre se levará a polémica do paridoiro á Unión Europea, respondeu que "por suposto", porque "toca un tema que é de dignidade e de prestación de servizos".

Ademais, Ana Miranda, que a metade da lexislatura que acaba de comezar accederá ao seu escano na Eurocámara, incidiu no carácter "transfronteirizo" da problemática de Verín, xa que había mulleres de localidades próximas de Castela e León "que van parir alí".

Tamén no ámbito sanitario, a nacionalista abordou esta semana en Bruxelas, xunto co colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita, a denuncia da situación "de precariedade" que atravesa o persoal eventual do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Así, a portavoz do Bloque en Europa apuntou directamente ao PP e á súa xestión desde a Xunta e explicou que o colectivo foi recibido por un dos altos cargos da Comisión Europea en materia de sanidade. Deste xeito, prevé que a UE "pedirá explicacións" a España e a Galicia "no caso de que sexan admitidas" as súas demandas.

TRANSICIÓN ENERXÉTICA

Noutra orde de cousas, Miranda apostou por unha "transición ecolóxica e enerxética verde" que teña en conta "tamén o impacto social", sobre todo tras o inminente peche anunciado na central térmica de Endesa nas Pontes de García Rodríguez (A Coruña).

Neste sentido, a nacionalista insistiu en reclamar que Galicia sexa beneficiaria do fondo que a UE prevé presentar "en xaneiro", para o que insta á Xunta a "lanzar unha iniciativa que inclúa a toda a oposición".

E é que, segundo Miranda, ao contrario do que garantiu no seu momento o conselleiro de Economía do Goberno galego, Francisco Conde, nestes momentos Galicia "está fóra" dese fondo.

A XUNTA "MINORIZA A LINGUA"

Así mesmo, a portavoz do BNG en Europa dirixiu as súas críticas cara á xestión de Feijóo a través do informe do Consello de Europa que advirte de novo de que caen os falantes do galego e de que as medidas para facilitar a súa presenza no ensino son "insuficientes".

"O Goberno galego minoriza a lingua el mesmo co decreto do plurilingüismo", censurou Miranda, quen ademais cargou contra a reacción de Feijóo ao ser preguntado polo devandito documento. "Se hai un informe en contra de que os galegos podamos estudar, coñecer e conversar en inglés, alá os autores dese informe", criticou o xoves.

ELECCIÓNS EN REINO UNIDO

Miranda tamén fixo unha pequena análise sobre os resultados das eleccións xerais do Reino Unido do pasado xoves, nas que os conservadores conseguiron a maioría absoluta da man de Boris Johnson.

"Desde logo é un terremoto que se produce en Bruxelas pero que ademais pode afectar a un Brexit duro, coas consecuencias que isto ten para Galicia", lamentou.

Non en balde, puxo o foco en que en Escocia o Partido Nacionalista Escocés (SNP) "arrasou", o que "implica que hai un sentimento maioritario cara a un país propio e ademais contrario ao Brexit".

Do mesmo xeito, valorou as "subas" dos nacionalistas tanto de Gales como de Irlanda do Norte. "Son partidos contra o Brexit que están nestes momentos pedindo unha visión diferente da Europa dos pobos, como tamén pedimos desde o BNG", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Cada día estou máis pasmado... Ana Miranda á que lle quedan 2 anos e medio para acceder á acta de eurodeputada fala o triple e seica se move o doble que Ana Pontón que seica é deputada en activo e lideresa do BNG ! O mundo ao revés ?