Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2019 | Actualizada ás 13:47
O sindicato Comisións Obreiras (CC.OO.) confía en que o Tribunal Supremo (TS) ratifique a recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que obriga a estender a carreira profesional aos colectivos inicialmente excluídos no decreto do Sergas que o regula. Así o manifestaron este luns en rolda de prensa a secretaria xeral da Federación de Sanidade de Comisións Obreiras, Emilia Lamas, e a avogada do sindicato, Lidia de la Iglesia, que compareceron acompañadas polo exsecretario da Federación de Sanidade que iniciou o proceso xudicial, Ángel Cameselle.
Emilia Lamas lembrou que o proceso para reivindicar a carreira profesional para todo o persoal comezou en outubro de 2017 coa firma da acta de fin de folga na que figuraba o comezo da negociación para todo o persoal do Sergas. Posteriormente, sinalou Lamas, en 2018 iniciouse a negociación dun decreto de carreira profesional para o persoal do Sergas que culminou coa firma do documento por parte do resto de sindicatos da mesa sectorial, salvo Comisións Obreiras e O'Mega.
"Comisións insistiu na necesidade de que fóra de ámbito de aplicación "todo o persoal do Sergas", sinalou Lamas, e o Servizo Galego de Saúde "dicía que non, que era imposible". Tras iso, este sindicato presentou un informe xurídico que "facía referencia a sentenza e a normativa europea".
A pesar diso, insistiu Emilia Lamas, "o Sergas fixo caso omiso á sentenza que había e pasou polo forro esa recomendación", apostilou. CC.OO. defendeu na súa denuncia xudicial o carácter "discriminatorio" do decreto "por ir en contra de toda a normativa". "Grazas ao TSXG, os tribunais rectifican unha vez máis á Administración e arranxan o que a Administración e as entidades asinantes fixeron", destacou Lamas, que valorou que o fallo do alto tribunal galego "anula artigos que discriminan ao persoal".
"CASO OMISO"
Lamas insistiu en que o Sergas fixo "caso omiso" das "recomendacións dos seus servizos xurídicos" que lle advertiron de que non se debía excluír ao persoal polo vínculo temporal. Tamén destacou que Comisións Obreiras solicitou o pasado venres na mesa sectorial ao Sergas e sindicatos asinantes do documento que deixasen sen efecto o decreto "e non obriguen a acudir os traballadores aos tribunais", mentres non haxa resolución do Supremo, tras o recurso presentado pola Xunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.