A CIG denuncia a Quintana polos contratos contra o lume

Nanutecnia, empresa na que un ex-conselleiro foi directivo, é unha das compañías beneficiadas polas adxudicacións sen publicidade das brigadas helitransportadas.

Por Galicia Confidencial | | 14/08/2012 | Actualizada ás 21:02

Comparte esta noticia

O sector da Autonómica de CIG-Administración vén de presentar unha denuncia por presunto delito de prevaricación contra a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana; o Secretario Xeral de Montes, Tomás Fernández Couto e o Secretario Xeral Técnico; Francisco Vidal. Medio Rural adxudicou a Natutecnia e INAER o servizo de helicópteros e as cuadrillas contraincendios, segundo afirman, sen garantir os principios de concorrencia competitiva, igualdade e publicidade. As adxudicacións tampouco foron publicadas nin no DOG, nin no Boletín das Comunidades Europeas.

Hai pouco máis de dous meses, en concreto o día 4 de xuño, o sector da Autonómica da CIG-Administración alertaba da intención da consellaría de Medio Rural de privatizar as brigadas helitransportadas do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF). Aseguraba ademais que, pola información á que tiveran acceso, a consellaría estaba a preparar un contrato para que unha UTE, formada por NATUTECNIA e INAER, se encargara das brigadas helitransportadas e as cuadrillas.

Cómpre lembrar que Carlos del Álamo, ex-conselleiro de Medio Ambiente na parte final da era Fraga, foi directivo de Nanutecnia; empresa que leva boa parte do dispostivo contra o lume en Galicia.

Finalmente o contrato foi outorgado por nin máis nin menos que 6,6 millóns de euros, "fora de todo procedemento legal previsto". Por iso presentábase esta mañá a denuncia perante a fiscalía.

Tras do seu rexistro, Fernando García, responsábel do sector da Autonómica, valorou que "existe, neste caso, unha evidente conduta delictiva, do momento no que hai dous meses xa se coñecían os adxudicatarios, violando así o principio de igualdade, cando aínda non se fixera pública a convocatoria". “Cremos que son feitos gravísimos”, afirmou, “constitutivos de delito por fraude e prevaricación”.

Xunto a isto denunciou que vai supor un sobreprezo para as arcas galegas. “Se interviñeran outras empresas podería ser de entre 3 ou 4 millóns de euros, co cal se están a detraer ou defraudar 2 millóns de euros pola mala xestión que está a facer o PP”. De feito, e comparando cos custos que supuxo a contratación de helicópteros e das brigadas helitransportadas en anos anteriores, asegura que a hora unitaria de voo nos helicópteros está saíndo a 2.400 €, cando o prezo de mercado está en arredor de 1.000. “Polo tanto hai algún interese en darllo a estas empresas”, afirmou.

Precisamente por iso tamén se solicita da fiscalía que se investigue se hai algún incremento patrimonial das persoas implicadas nestes contratos ou das persoas do seu entorno familiar. “No caso de que houbera indicios, e iso puidera ser derivado destes contratos, o fiscal tería que actuar aplicando tamén o código penal”, matizou.

A CIG ten constancia de que 13 helicópteros da empresa INAER e 10 cuadrillas da empresa Natutecnia están traballando nas tarefas de extinción de incendios, sen ter constancia formal algunha.

Antes o persoal era seleccionado directamente polo servizo de prevención de incendios da Xunta, por Seaga ou por Tragsa. “É a primeira vez, e isto é insólito, que se contrata unha empresa privada para as cuadrillas de incendios. Que nós fosemos quen de avanzar ese dato dous meses antes quere dicir que estaba máis que amañado”, engadiu.

O procedemento negociado sen publicidade é para contratos de menos de 100.000 €. Neste caso, e segundo declarou Rosa Quintana, ascende a 6,6 millóns, o que segundo García obriga ademais a darlle publicidade no DOG, no Boletín das Comunidades Europeas e máis na Plataforma de contratación da propia Xunta de Galiza. Por iso o responsábel da Autonómica concluíu que a actuación da consellaría responde a que o PP “ten un sentido patrimonial da administración, que consideran súa”.

Carlos del Álamo, ex-conselleiro de Medio Ambiente
Carlos del Álamo, ex-conselleiro de Medio Ambiente

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 límico

¿Onde estan os CCOO que lle fixeron a vida imposible ao mellor Conselleiro que tivo a Xunta na súa história, como foi Suarez Canal?. Agora están calados como pedras, seica xa non os empurran os do PP.

1 Quintanista

Que susto. Crin por un momento que a CIG ía denunciar a Quintana, o Anxo, 3 anos e pico despois da súa retirada

1 Trasterrado

Xa che digo...