Temas: INUNDACIóN

O temporal causa xa máis de 1.500 incidencias en Galicia e máis dun cento de inundacións en vivendas

Uns 3.500 usuarios galegos continuaban sen subministración eléctrica a causa do temporal.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/12/2019 | Actualizada ás 20:09

Comparte esta noticia

O temporal Elsa, que afecta desde este mércores a Galicia, causou xa máis de 1.500 incidencias que tiveron que ser atendidas polos servizos de emerxencias, entre elas máis dun cento de inundacións en vivendas pola crecida dos ríos.

Alameda de Santiago cortada polo temporal
Alameda de Santiago cortada polo temporal | Fonte: Europa Press

Segundo a información do 112-Galicia, os servizos de emerxencias rexistraron entre as 00.00 horas deste mércores e as 18,00 horas do xoves 118 inundacións en vivendas por mor da crecida dos ríos polo temporal de choiva e vento.

Con todo, as incidencias máis frecuentes neste período foron a caída de árbores e pólas nas estradas (590), seguidas das accións de prevención de risco (181). Así mesmo, producíronse 106 inundacións en vías de circulación, 95 retiradas de restos de terra e pedras na calzada, 72 caídas de cables da luz e de teléfono e varias caídas de electricidade e de teléfono.

En total, o CIAE 112 Galicia contabilizou ata a tarde deste xoves un total de 1.575 incidencias, das cales 604 se rexistraron na provincia de Pontevedra, 536 na da Coruña, 243 en Ourense e 198 en Lugo.

INCIDENCIAS DESTACADAS

Nas últimas horas, a choiva e o aumento do caudal dos ríos causou numerosas incidencias e inundacións, que se suman aos problemas xerados polo vento en vías de tren, vivendas ou colexios.

En concreto, segundo a información do 112, os ríos Ouro, Landro (Lugo), Eume, Tambre, Ulla (A Coruña), Lérez e Verdugo (Pontevedra) seguen con caudais elevados. De feito, en Val do Dubra, o alumnado do Colexio de Portomouro finalizou as clases antes de tempo para evitar que a crecida do Tambre lles impedise saír.

Por outra banda, en Ames, a estrada DP-0201 permanecía pechada ao tráfico en Ponte Maceira polo desbordamento do río Tambre. 

Ademais, Pradorramisquedo, en Viana do Bolo, atópase incomunicado, posto que o acceso a esta poboación é unha ponte que está completamente oculta pola auga. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, alí hai unhas vinte vivendas, das cales dúas alagaron o seu baixo e os seus habitantes se atopaban en bo estado.

No caso de Sada (A Coruña), o desbordamento do río en Riobao provocou inundacións en Souto e Fontán, así como a caída dun noiro na estrada do Castro.

En Santiago de Compostela, unha balsa de auga foi probablemente a causante do derrube dun muro na zona de Bonaval, que danou varios coches, aínda que non houbo que lamentar feridos.

Do mesmo xeito, a caída de árbores e ramas, así como as inundacións, causaron varios problemas na circulación ferroviaria ao longo da xornada. Nestes momentos, explicou Adif, está interrompido o tráfico na liña Guillarei-Ourense.

SEN ELECTRICIDADE

Uns 3.500 usuarios galegos continuaban aínda sen subministración eléctrica a causa do temporal.

Segundo fontes de Naturgy, a última hora da tarde permanecían sen luz uns 3.500 usuarios, principalmente na provincia de Ourense. Ao comezo da tarde, a cifra superaba os 9.400 clientes.

Así mesmo, Naturgy incrementou ao longo da tarde a cifra de efectivos que traballan sobre o terreo para tratar de solucionar canto antes os cortes, e que son xa 200. Todas as incidencias están xa localizadas e en proceso de reparación.

Temas: INUNDACIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta