O patrimonio cultural de Pontevedra conta xa cun novo portal web para a cidadanía

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2019 | Actualizada ás 18:52

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra acaba de pór en marcha o novo portal web www.atopo.gal que permitirá á cidadanía coñecer preto de 700.000 referencias públicas do patrimonio cultural do Museo de Pontevedra e do Servizo de Patrimonio da Deputación, así como doutros 128 concellos e institucións da provincia.

A deputada de Patrimonio, María Ortega, e o deputado de Novas Tecnoloxías, Carlos López Font, presentaron esta web que permitirá "a golpe de clic" atopar un arquivo documental ou bibliográfico, cartográfico ou audiovisual (libros, revistas, xornais, cartas, mapas, fotografías, debuxos, música) nun marco sinxelo de divulgación, integración e investigación.

Segundo explicou Ortega, ATOPO é unha web "viva e en crecemento" no relativo a oferta de información, xa que engadirá fondos de maneira continua. Esta ferramenta foi deseñada conxuntamente polo servizo de Patrimonio bibliográfico e documental e o servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación.

Segundo explicaron os técnicos do Arquivo José Luís Castro Carpinteiro e Damián Rei, ATOPO está baseada no motor de procura de bibliotecas libre Vufind, un software que permite ás persoas usuarias buscar e navegar a través de todos os recursos de biblioteca, substituíndo aos tradicionais, e dando un paso máis aló ao incluír recursos de tipo archivístico.

Así, conseguiuse o obxectivo inicial de integración de diversos fondos documentais e bibliográficos nun mesmo portal, chegando a manexar preto de 14.000.000 de imaxes dixitais.

Os rexistros preséntanse con información básica de cada documento e a localización física do fondo ao que pertence e, no caso de que o obxecto dixital estea dispoñible, a persoa usuaria pode acceder ao documento desde calquera localización.

Ademais, unha importante característica da dixitalización é a aplicación de técnicas de recoñecemento óptico de caracteres en material mecanografiado, o que facilita a labor de procura dentro dos propios documentos.

O material dixitalizado configúrase ao redor de seis áreas: libros, imaxes dixitais pertencentes á colección do Museo de Pontevedra e a Biblioteca do Arquivo Provincial da Deputación de Pontevedra; xornais e revistas; fondos documentais, incluíndo material impreso dixitalizado dos arquivos municipais, da Deputación de Pontevedra e Museo de Pontevedra; mapas, coa dixitalización dunha gran colección cartográfica; material gráfico; e material sonoro.

Aplicación web
Aplicación web | Fonte: Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta