Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/12/2019 | Actualizada ás 14:31
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, José Fernández Alborés, e a presidenta do Clúster Tecnolóxico Empresarial de Ciencias da Vida (Bioga), Carme Pampín, reuníronse este sábado para avanzar na creación do polo de innovación biotecnolóxica de Santiago.
Así o informou a Xunta nun comunicado aos medios, no cal sinalou que esta iniciativa "permitirá" achegar ás pequenas e medianas empresas galegas un catálogo de servizos e tecnoloxías asociadas á transformación dixital, sobre todo en cuestións de manexo de grandes cantidades de información (big data).
Como indicou o Goberno galego, este polo "tentará" configurarse como un referente a nivel nacional e internacional, ademais de buscar atraer novos investimentos a Galicia.
Participan no proxecto a Universidade de Santiago de Compostela; as empresas Clun, Nova Pescanova, Televés, Mestrelab, CZ Veterinaria, Finsa e Vodafone España; centros de coñecemento como Cesga, Gradiant e Anfaco-Cecopesca; os clústeres de Saúde, o de Madeira, o da acuicultura, o alimentario (Clusaga) e o Clúster TIC; e a Fundación Kaertor.
Por outra banda, a Xunta subliñou que os empresarios do Tambre manifestaron o seu interese por participar no programa de centros de fabricación avanzada, o cal busca "mellorar" a competitividade das pemes galegas "promovendo" que a iniciativa privada poña a disposición das empresas espazos para a prestación de servizos.
A través desta actividade, que segundo mencionou o Goberno galego será convocada en "próximas datas" e ten unha dotación de 16 millóns de euros ata 2022, poderían desenvolverse equipamentos e instalacións en torno ao polo de innovación biotecnológica de Santiago.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.