A rapazada de Ferrolterra berra forte contra as deficiencias da sanidade: "Queremos pediatra!"

Nun vídeo que veñen de publicar, os cativos e cativas denuncian a falta de servizos médicos nos municipios de Fene, A Capela, Ares, Mugardos, San Sadurniño, Moeche, Cerdido e As Somozas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/12/2019 | Actualizada ás 15:07

Comparte esta noticia

Un colectivo de pais e nais de oito municipios de Ferrolterra gravaron un vídeo para reclamar servizos de pediatría para máis de 3.000 nenos da zona.

Nun comunicado, relatan o deficiente servizo nos municipios de Fene, A Capela, Ares, Mugardos, San Sadurniño, Moeche, Cerdido e As Somozas. Así, no vídeo --feito coa axuda de Mariña Pérez, de Feitizo Vídeo-- pódese ver á rapazada gritando: "Queremos pediatra".

Estes pais sinalan que en Fene e A Capela se atopan "problemas" desde o pasado mes de setembro para ter un servizo "satisfactorio" posto que "as dúas profesionais que atenden ambos os centros se atopan de baixa".

"Tras máis de dous meses de mobilizacións e queixas a resposta que se obtén por parte do Sergas é a cobertura dun dos postos para cubrir a cota de ambos, circunstancia que fai que A Capela aínda non recuperase o día de itinerancia que lle corresponde", aseguran.

Pola súa banda, o caso de Ares e Mugardos "é similar", dado que levan "tres meses sen servizo de pediatría polo traslado da persoa que ocupaba o posto", nun período que foi substituído por diferentes profesionais de "forma parcial e sen levar a cabo todas as funcións do servizo de pediatría por falta de tempo". Unha cuestión que os obriga a desprazarse ao PAC de Fene ou ás urxencias do ferrolán Arquitecto Marcide.

A isto únese que en San Sadurniño, Moeche, Cerdido e As Somozas se vive unha situación "de precariedade desde hai case un ano", pois "só se atenden aos usuarios dos catro concellos no centro de saúde de San Sadurniño" nunha xornada "reducida" e "para nada suficiente". "Como no resto dos casos vémonos na obrigación de acudir ás urxencias do Arquitecto Marcide", explican.

Rapazada que protagoniza o vídeo onde esixen pediatras para os municipios de Ferrol
Rapazada que protagoniza o vídeo onde esixen pediatras para os municipios de Ferrol

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta