O Concello de Santiago recorrerá ante o Supremo a sentenza sobre as estatuas do Mestre Mateo en mans dos Franco

Unha sentenza da Audiencia Provincial de Madrid deu a razón á familia do ditador sobre a posesión das estatuas de Abraham e Isaac do Pórtico da Gloria.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/01/2020 | Actualizada ás 15:35

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago presentará, antes do 20 de xaneiro, un recurso de casación ante o Tribunal Supremo contra a sentenza da Audiencia Provincial de Madrid que dá a razón á familia Franco sobre a posesión das estatuas de Abraham e Isaac do Pórtico da Gloria, obras do Meste Mateo. Así o anunciou este venres o rexedor, Xosé Sánchez Bugallo, tras falar co director da asesoría xurídica, Manuel Cutrín, e o avogado que está a representar ao Concello de Santiago neste proceso, Xaquín Monteagudo, que cren que hai "causa e caso" para seguir reclamando esta propiedade.

Estatuas de Isaac e Abraham, obras do Mestre Mateo, en Santiago de Compostela
Estatuas de Isaac e Abraham, obras do Mestre Mateo, en Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press.

Para o alcalde, "houbo un proceso de apropiación ilexítimo e ilegal desas esculturas e un proceso posterior de branqueamento da apropiación destes bens", que, segundo os documentos obrantes, foron adquiridos polo Concello en 1948 por 60.000 pesetas.

Sánchez Bugallo expresou a súa "sorpresa" polos argumentos que dá a Audiencia para fallar a prol dos Franco, pondo en dúbida que as estatuas reclamadas sexan as mesmas que obran en poder da familia do ditador.

"A propia familia en ningún momento o pon en cuestión, é máis, recoñéceo expresamente", dixo o alcalde, para quen este argumento se utiliza dado que a baza da propiedade por tenencia prolongada no tempo "non pode aplicarse" a bens patrimoniais, se non unicamente "privativos".

Bugallo quixo agradecer o seu traballo de forma especial a Xaquín Monteagudo, cuxa labor permitiu no seu momento atopar o documento de compra e outros datos que indican que se trata dun "ben público que ten que estar á disposición do público".

"O noso deber ético e moral é defender o que é patrimonio de todos os cidadáns e cidadás de Compostela e, ademais, patrimonio da Humanidade", dixo o rexedor, que comparou a situación a que un museo reclamase cadros de Velázquez. 

O Concello de Santiago entende que a resolución da Audiencia Provincial de Madrid é "lesiva para o interese público" e que o que se produciu neste caso foi "un procedemento moi escuro de apropiación, tras o que se debeu producir unha "destrución de documentos". Con iso, consideran que a sentenza "carece de motivación na súa base" e interporán un recurso de casación ante o Tribunal Supremo antes de que conclúa o prazo, o próximo 20 de xaneiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta